Tokapp, empresa galega desenvolvedora da plataforma docente do mesmo nome, segue a engadirlle ramificacións á súa aplicación no camiño de mellorar o funcionamento dos centros educativos pero, tamén, de facelos mellores lugares para aprender e para vivir.
Nesta liña insírese a iniciativa RompeBullying, unha proposta anti-acoso de Tokapp que converte as mensaxes ofensivas en textos agradables entre vítima e acosador. Trátase dunha aplicación de balde que se lanza a combater o dito problema social alí onde adoita xurdir e acrecentarse: nas redes sociais. O seu funcionamento? Transformar a violencia en adhesivos de amizade.
Para Tokapp, cumpría aproveitar as novas tecnoloxías, e agora máis ca nunca, para loitar contra a lacra do ciberbullying, unha práctica que a día de hoxe abrangue xa un de cada catro casos de acoso escolar, causando secuelas psicolóxicas no 92% das vítimas (consonte un estudo da Fundación ANAR en colaboración con Mutua Madrileña). Segundo lembra a empresa galega, o medio máis empregado para o acoso virtual é precisamente as mensaxes de texto. “Neste punto, a única e última defensa que lle resta á vítima é o bloqueo do contacto”, explican dende Tokapp, engadindo que, malia todo e malia seren bloqueados, “os contidos fican e a persoa acosada convive con eles, algo que lle xera tensión e ansiedade”.
Para reverter o devandito e converter en positivo o negativo xurdiu precisamente RompeBullying, unha aplicación de colantes (adhesivos) para substituír e converter as mensaxes desagradables e ferintes en conversas amables que utilizan o novo sistema de stickers de Apple.
O sistema, unha vez que a persoa acosada recibe unha mensaxe que non é do seu agrado, comeza a funcionar en canto esa persoa abre a ferramenta RompeBullying?, selecciona un adhesivo e arrástrao sobre a mensaxe cubríndoo totalmente. A mensaxe orixinal, desta maneira, fica oculta tanto para a vítima como para o seu acosador. “Con isto, o adhesivo xera unha nova conversación diferente e afastada da violencia”, sinalan dende Tokapp, que logo da súa longa experiencia traballando no eido educativo e dixital puido constatar a alta frecuencia coa que se dan este tipo de prácticas vexatorias por mensaxería. “Aproveitando esta experiencia e o uso de Tokapp nas comunidades escolares”, sinalan, “investigamos como poderiamos achegar o noso gran de area para axudar a emendar o problema”.
A aplicación, dispoñible para iOS, está xa na Apple Store. É totalmente de balde para pais e alumnos, e ten unha media de uso de 50 usuarios ao día. TokApp informou de que está a traballar para que en datas vindeiras estea dispoñíbel para Android. Tamén pendurou en YouTube un vídeo ilustrativo sobre a ferramenta.