Este 4 de outubro toca falar de novas tecnoloxías e de todos aqueles puntos nos que estas se tocan cos ámbitos xudicial, policial e legal. O motivo? A celebración da sétima Xornada de Informática Xudicial, na Cidade da Cultura de Santiago e da man (novamente) do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Os temas a tratar serán múltiples e variados pero, segundo nos fixo saber recentemente o colexio que preside Marcos Mata, farase especial fincapé na intelixencia artificial, un ámbito en proceso de medre cuxas infinitas contribucións para mellorar a nosa vida persoal e empresarial precisarán, sen remedio, de medidas acordes de protección. Tanto dos datos xerados, como dos sistemas como de nós mesmos os usuarios.
A cita será inaugurada ás 9.30 horas por Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA; acompañada polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín; e o presidente do Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, Marcos Mata. A edición deste ano, convocada baixo o título Ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial, adopta o nome propio de #IURISTICGAL17. Baixo este epígrafe e este nome, a organización busca principalmente “singularizar o evento”, unha cita “moi consolidada” a nivel galego e estatal e que serve de punto de referencia para a reflexión e o debate acerca dos rumbos que debera seguira loita contra o cibercrime.
Segundo nos conta o CPETIG, a xornada reunirá un salientable panel de relatoras/es expertas/os do ámbito da avogacía, a enxeñaría informática, a maxistratura e as forzas de seguridade do Estado, que “darán unha visión integral da ciberseguridade e da revolución que supón a intelixencia artificial na aplicación da lei”.
Nun plano máis detallado, farase fincapé en cuestións innovadoras como a condución autónoma ou as fábricas plenamente automatizadas, e en como estes escenarios están a ser percibidos pola sociedade dun xeito ambivalente, á vez como oportunidade e como ameaza, “especialmente pola inevitable destrución de postos de traballo que serán copados progresivamente por robots intelixentes”. En palabras da organización da xornada, esta “complexa realidade abre numerosas esixencias no eido do dereito, de xeito que os profesionais da xustiza están obrigados a coñecer, interpretar e aplicar estas tecnoloxías para dar unha resposta acorde aos crecentes requirimentos”. Nun plano máis concreto e meténdonos xa no programa, sinalar que a intelixencia artificial na interpretación e na aplicación da lei, mediante un xuíz robot, será o tema de apertura da VII Xornada de Informática Xudicial, cun relatorio ofrecido por Alejandro Sánchez del Campo Redonet, regulatory counsel en Telefónica Digital.
Despois, Ofelia Tejerina, avogada da Asociación de Internautas e membro do Grupo de Traballo sobre Dereitos Dixitais da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, exporá un relatorio sobre privacidade e dereitos fundamentais. A ciberseguridade e a peritaxe informática centrarán o terceiro dos relatorios, ofrecido por Pilar Vila, perita informática en Forensic &Security, seguido dunha mesa redonda sobre Privacidade e xustiza ante un mundo plenamente dixital, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico da xornada.
A sesión de tarde comezará coa exposición de Juan Antonio Frago, fiscal do Grupo de Delitos Económicos en A Coruña, titulada e-Xustiza, mito ou realidade?, para dar paso despois a Manuel Guerra, analista forense na Sección Técnica da Unidade Central de Investigación Tecnolóxica, UIT, da Policía Nacional, que exporá o relatorio titulado A ciberdelincuencia desde o outro punto de vista.
Como punto e final, #IURISTICGAL17 rematará cunha mesa redonda sobre Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria na que actuará como relator e moderador Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional.
Programa de actividades
Ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial
- 9:00 Recepción e Entrega do Material
- 9:00
9:30 Recepción dos asistentes e entrega do material correspondente á VII Xornada Xudicial.
- 9:30 Presentación VII Xornada Xudicial
- 10:00 O xuíz robot: a intelixencia artificial na interpretación e aplicación da lei
- 10:50 Privacidade e dereitos fundamentais na Sociedade da Información
- 11:40 Descanso Café
- 12:10 Ciberseguridade e peritaxe informática
- 13:00 Mesa Redonda I
- 14:00 Xantar
- 16:00 A e-xustiza, mito ou realidade? - Ciberdelincuencia desde outro punto de vista
- 17:40 Mesa Redonda II
- 18:45 Clausura