TechKids - Voa con nós: drons (A Fonsagrada)
No taller de drons os rapaces aprenderán conceptos básicos de teoremas de pitágoras e trigonometría, ademais de adquirir habilidades cognitivas visuais. Os nenos e nenas de 9 a 16 anos aprenderán a integrar a programación co mundo dos drons. A actividade constará de dous retos. No primeiro deles, os rapaces e rapazas iniciaranse no mundo dos drons creando un circuíto onde adestrarán as súas habilidades na pilotaxe destas aeronaves.
Comezarán coñecendo que é un dron, por que voa, que partes ten, e despois pilotaranos. Unha vez iniciados na pilotaxe, probarán unhas gafas FPV para sentir a velocidade vendo o que ve un coche teledirixido con cámara incluída. Para os máis habilidosos que cheguen a dominar dron e coche, probarán a pilotaxe FPV nun dron.
Na segunda parte da actividade, programarán un dron, é dicir, desde un ordenador e por medio dunha programación por bloques, converterán o dron nunha aeronave non tripulada e autónoma. Por medio da programación en Scratch, empregando un dron especial chamado “Tello”, executarán un programa feito polo CPEIG.









