O venres pasado fallouse o premio da XI edición do Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG.
A participación este ano foi novamente dun excelente nivel, recibíndose un total de 8 candidaturas, que foron avaliadas centrándose principalmente na valoración do correcto licenciamento dos proxectos así como o uso de metodoloxía de traballo propia dos desenvolvementos en aberto, para escoller os 5 finalistas que defenderon ante o xurado os seus méritos para seren merecedores deste premio. Tras a oportuna deliberación o xurado procedeu a dar a coñecer o seu fallo, felicitando previamente a todos os participantes polo alto nivel dos mesmos este ano.
O primeiro premio recaeu en Alejo Pacín, da Universidade de A Coruña polo Proxecto Puding, Punteiro Dixital Integramente Galego. Proxecto consistente no deseño e desenvolvemento dunha gaita galega MIDI profesional e sen fíos. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa Amtega.
Ademais, concedeuse tamén un segundo premio a Brais Arias da Universidade de A Coruña polo proxecto qas, sensorización da calidade do aire. Proxecto consistente na deseño dun sistema para a sensorización da calidade do aire composto polos esquemas da estación de sensorización, o firmware desta e a aplicación web de xestión do propio sistema, cunha dotación económica de 750 € achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Amtega.
Os outros finalistas do premio, a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron:
Todos os candidatos participantes son merecedores de recoñecemento polo seu traballo e por telo desenvolvido empregando tecnoloxías libres e publicando o resultado final á súa vez con licenza libre, polo que a continuación recollemos o listado do resto de candidatos participantes:
O xurado estivo composto por Óscar Pedreira en representación da Universidade da Coruña; José Varela Pet en representación da Universidade de Santiago de Compostela; Alma Gómez Rodríguez en representación da Universidade de Vigo; Pablo Castro en representación da Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL; Breogán Cinza Cabarcos en representación da Amtega e Mar Castro Pereiro en representación da Oficina de Software Libre da Amtega.
A Amtega convoca este importante premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre 2018.
Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando o labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.
A colaboración do CIXUG e do GPUL neste premio forma parte das actividades que ambos realizan ao abeiro dos respectivos convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia no marco do Plan de Acción en Software Libre 2018.