main content

main content
31/10/201808:10
Finalistas e xurado do XI Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre.
Santiago de Compostela

A Amtega concede o premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre

  • Unha gaita midi e un proxecto para medir a calidade do aire foron os gañadores deste ano.
  • O hardware libre ademais do software libre foron protagonistas desta edición do premio.
  • O galardón busca o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, e apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación

 

O venres pasado fallouse o premio da XI edición do Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG.

A participación este ano foi novamente dun excelente nivel, recibíndose un total de 8 candidaturas, que foron avaliadas centrándose principalmente na valoración do correcto licenciamento dos proxectos así como o uso de metodoloxía de traballo propia dos desenvolvementos en aberto, para escoller os 5 finalistas que defenderon ante o xurado os seus méritos para seren merecedores deste premio. Tras a oportuna deliberación o xurado procedeu a dar a coñecer o seu fallo, felicitando previamente a todos os participantes polo alto nivel dos mesmos este ano.

O primeiro premio recaeu en Alejo Pacín, da Universidade de A Coruña polo Proxecto PudingPunteiro Dixital Integramente Galego. Proxecto consistente no deseño e desenvolvemento dunha gaita galega MIDI profesional e sen fíos. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa Amtega.

Ademais, concedeuse tamén un segundo premio a Brais Arias da Universidade de A Coruña polo proxecto qassensorización da calidade do aire. Proxecto consistente na deseño dun sistema para a sensorización da calidade do aire composto polos esquemas da estación de sensorización, o firmware desta e a aplicación web de xestión do propio sistema, cunha dotación económica de 750 € achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Amtega.

 

Finalistas

Os outros finalistas do premio, a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron:

  • Fernando Liñares – rss-radio, proxecto consistente no deseño dun servizo en liña para a publicación de gravacións de radio e podcast.
  • Paloma Piot – backstage, aplicación web para a xestión de festivais de música permitindo a organizadores ou promotores do mesmo xestionar todo o concernente aos seus distintos departamentos.
  • Rodrigo Martínez – catenae, Framework para a construción e despregamento de sistemas modulares de procesamento en tempo real.

 

Candidatos

Todos os candidatos participantes son merecedores de recoñecemento polo seu traballo e por telo desenvolvido empregando tecnoloxías libres e publicando o resultado final á súa vez con licenza libre, polo que a continuación recollemos o listado do resto de candidatos participantes:

  • Bruno López Trigo - ExpliClas: é un servizo web que xera automaticamente explicacións en linguaxe natural de clasificadores baseados en árbores de decisión.
  • Christian Ponte Fernández - mpi3snp: Desenvolvemento dunha ferramenta paralela para acelerar a detección de epistasia de terceiro nivel en sistemas de memoria distribuída
  • Cristofer Canosa Domínguez - phspark-pyomo, Paralelización do algoritmo Progressive Hedging para a resolución de problemas estocásticos.

 

Xurado

O xurado estivo composto por Óscar Pedreira en representación da Universidade da Coruña; José Varela Pet en representación da Universidade de Santiago de Compostela; Alma Gómez Rodríguez en representación da Universidade de Vigo; Pablo Castro en representación da Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL; Breogán Cinza Cabarcos en representación da Amtega e Mar Castro Pereiro en representación da Oficina de Software Libre da Amtega.

 

Sobre o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre

A Amtega convoca este importante premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre 2018.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando o labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

A colaboración do CIXUG e do GPUL neste premio forma parte das actividades que ambos realizan ao abeiro dos respectivos convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia no marco do Plan de Acción en Software Libre 2018.

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora porque un...

LER MAIS