main content

main content
13/05/202008:05
Mesa chea de portátiles.
Santiago de Compostela

A Xunta inicia a creación do Nodo de Ciberseguridade de Galicia, que ofrecerá servizos a empresas, administracións e cidadáns

  • A Administración autonómica invita ás entidades locais a sumarse á iniciativa para a que xa estableceu alianzas estatais co Incibe e o CCN
  • Publícase o Informe de Situación da Ciberseguridade en Galicia, que identifica aos axentes do ecosistema galego e as necesidades e retos neste ámbito
  • O 80% das entidades consultadas considera necesario establecer mecanismos de colaboración público-privada para reforzar as capacidades de Galicia neste ámbito
  • Consideran que a creación desta entidade favorecerá o crecemento do sector da ciberseguridade en Galicia, incrementará a concienciación de empresas e cidadáns e o investimento en I+D+i nesta área
  • A Comunidade rexistra en torno a un 4% dos incidentes de seguridade do Estado, situándose na sexta posición no ranking estatal

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia mantivo no mes de marzo unha xuntanza de traballo con representantes da Federación Galega de Municipios (FEGAMP), das deputacións provinciais, do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe) e do Centro Criptolóxico Nacional (CCN) para darlles conta dos pasos que está a dar a Xunta para crear o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, CIBER.gal e convidalos a sumarse á iniciativa.

Coa creación de CIBER.gal, a Xunta busca poñer en marcha un modelo de cooperación que, de forma conxunta con outros axentes públicos e privados, impulse a concienciación e a formación de cidadáns e empresas en materia de ciberseguridade; que dea resposta coordinada a retos complexos; que promova a xeración, atracción e retención de talento especializado e que contribúa ao posicionamento de Galicia neste ámbito a nivel estatal e europeo.

Tras esta primeira posta en común, a Amtega remitiu esta semana a proposta concreta de acordo á Fegamp e ás deputacións para a súa posterior sinatura. A Amtega xa asinou sendos acordos de colaboración en materia de ciberseguridade co Incibe e co CCN.

Situación da ciberseguridade en Galicia

No encontro do pasado mes de marzo presentouse o Informe de Situación da Ciberseguridade en Galicia, no que se identifican os axentes implicados neste ámbito na Comunidade, púlsase a súa opinión sobre os retos e necesidades e sinálase a folla de ruta inicial para a posta en marcha do Nodo e a súa carteira de servizos.

O informe identifica ata 167 entidades relacionadas coa ciberseguridade en Galicia, das que 103 son empresas que ofrecen produtos e servizos de ciberseguridade. Os consultados coinciden na necesidade de incrementar as accións de formación e concienciación á cidadanía.

Desde o sector público sinalan a importancia de impulsar proxectos de colaboración público-privada e promover eventos, formación e certificacións no ámbito da ciberseguridade. Desde o sector privado demandan o acceso a instalacións e infraestruturas comúns e a posibilidade de facilitar o contacto entre os diferentes axentes.

O 80% dos axentes entrevistados consideran que a iniciativa da Xunta de crear un Nodo de Ciberseguridade é unha necesidade e unha proposta moi acertada. Os axentes consultados apuntan que a posta en marcha do Nodo CIBER.gal contribuirá ao crecemento do sector da ciberseguridade na Comunidade, incrementará a concienciación en empresas e cidadáns, facilitará a xeración dunha rede de colaboración e aumentará o investimento na I+D+i en ciberseguridade.

O Incibe, segundo se recolle no informe, sinala que Galicia rexistra un 4,3% dos incidentes de ciberseguridade identificados no ámbito nacional. Esta porcentaxe sitúa á Comunidade no sexto posto da clasificación estatal, liderada por Madrid, Andalucía e Cataluña, con porcentaxes próximas ao 20%.

Servizos para cidadáns, Administracións públicas e pemes

O inicio da actividade do nodo CIBER.gal focalizarase na formación e concienciación da cidadanía, as empresas, en especial ás pemes, e ás Administracións públicas, dando resposta ás inquedanzas e necesidades sinaladas polos axentes consultados.

Para a cidadanía os servizos centraranse en accións de formación a estudantes e eventos participativos para os diferentes niveis educativos (secundaria, bacharelato, formación profesional e universidade). Ademais, desenvolveranse accións de capacitacións básica no uso seguro das tecnoloxías para persoas maiores.

Para as pemes e autónomos a concienciación e a difusión tamén serán eixos prioritarios dos servizos de CIBER.gal, a través de xornadas, en colaboración con outros axentes do Nodo.

Para os concellos e deputacións deseñaranse actividades de capacitación e concienciación para axentes clave destas entidades e formación técnica avanzada para os seus profesionais dos servizos tecnolóxicos. Ademais, prevese a creación dun Observatorio galego da Ciberseguridade.

Ciberseguridade, piar da EDG2030

A ciberseguridade é unha das tecnoloxías disruptivas sobre as que pivota a futura Estratexia Dixital de Galicia 2030, en proceso de elaboración. A creación do Nodo de Ciberseguridade de Galicia enmárcase tamén nas directrices europeas para incrementar as competencias da UE nesta materia.

A Xunta de Galicia conta cun Plan Director de Seguridade 2015-2021, que permitiu incrementar a súa capacidade de prevención, detección, resposta e recuperación ante incidentes de ciberseguridade. Entre as últimas medidas do Plan está a posta en marcha do Centro de Servicios de Ciberseguridade, CSIRT.gal, que dá servizo ao sector público autonómico e forma parte da plataforma CSIRT.es, integrada por 42 centros, entre os que está o Centro Criptolóxico Nacional, o Incibe, a Policía Nacional, Garda Civil e outros organismos, ademais dalgunhas comunidades.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS