main content

main content
20/01/202007:01
Muller de costas traballando nun portátil.
Santiago de Compostela

As vendas por Internet das empresas galegas en 2019 superan a media estatal

  • Preto do 23% das empresas de 10 ou máis traballadores da Comunidade venderon na rede fronte ao 20,4% do mesmo tramo empresarial do conxunto do Estado
  • Máis do 44% destas empresas galegas venden en países da Unión Europea
  • As empresas galegas superan a media estatal no uso de redes sociais
  • O gasto en TIC do tecido empresarial galego foi de 408 millóns de euros, 44 millóns máis con respecto ao exercicio anterior
  • As velocidades de acceso a Internet de 100 Mbps ou superiores aumentaron máis de 12 puntos porcentuais, tanto entre as microempresas (28,1%) como nas empresas de 10 ou máis traballadores (45,1%)
  • No 2019 aumenta o uso das empresas de medidas de seguridade TIC e máis da metade de microempresas (51,5%) e un 93,2% de empresas de máis de 10 asalariados emprega algún tipo de medida.

 

O comercio electrónico creceu en Galicia no último ano en todos os tramos empresariais. Tanto as empresas de máis de 10 traballadores como as microempresas realizaron vendas online por riba da media estatal en 2019. Tamén no uso das redes sociais o tecido empresarial galego supera a media do conxunto do Estado

Son datos recollidos no informe A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2019, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito a´Amtega. O estudo analiza a transformación dixital das empresas galegas, un total de 200.972, nas que o 96,3% son microempresas, de 0 a 9 traballadores.

Comercio electrónico e presenza en Internet

En 2019 o 22,9% das empresas de 10 ou máis traballadores da Comunidade venderon na rede, 4,7 puntos máis que o ano anterior e 2,5 puntos por riba da media estatal. Cómpre destacar que máis do 44% destas empresas galegas venden en países da Unión Europea. No caso das microempresas as vendas online creceron 2,5 puntos, situándose nun 6,1% fronte ao 5,8% da media do Estado.

Tamén se incrementan as compras das empresas a través de Internet ao longo do último ano, producíndose unha subida no caso das empresas de 10 ou máis empregados de 8,4 puntos.

No 2019 aumentou tamén a presenza de páxina web nas empresas de 10 ou máis asalariados, do 77,1% ao 81,6%, superando ademais aos datos de empresas españolas que posúen web empresarial (78,2%).

En canto ás redes sociais, máis do 98% das microempresas e máis do 96% da empresas galegas empregan algunha rede social, en ámbolos casos por riba da media estatal.

Gasto en TIC

O gasto total en TIC das empresas galegas acadou os 408 millóns de euros, o que implica un incremento de 44 millóns de euros, especialmente no referente a servizos e consultas relacionadas coas TIC, seguido do gasto en software e do investimento en bens TIC.

Aumento da banda larga móbil e da velocidade de conexión

No 2019 a banda larga móbil experimenta un crecemento significativo en todas as empresas galegas, pero especialmente nas de 0 a 9 empregados, onde aumenta 5 puntos porcentuais (chegando ao 77,2%). Nas de máis persoal supérase o dato nacional nas empresas que teñen 10 ou máis traballadores/as con sede ou actividade en Galicia, con un 86,7% das galegas fronte a un indicador da banda larga móbil en España do 84,1%.

As contratacións de velocidades de acceso á Internet de 100 Mbps ou superiores aumentaron 12,8 puntos porcentuais entre as microempresas (28,1%), e 12,4 puntos nas empresas de 10 ou máis traballadores/as (45,1%).

Big Data e formación

Durante o último ano o uso de Big Data nas empresas galegas de 10 ou máis empregados (10,3%), foi superior ao das empresas españolas (8,3%). Un 75,8% das microempresas emprega software libre para esta análise de Big Data.

Xestións coas Administracións Públicas e Política de seguridade

A interacción das empresas galegas coas Administracións Públicas a través de Internet durante o último ano, supera, á marxe do tamaño da empresa, aos datos a nivel estatal.

No 2019 incrementáronse as medidas de seguridade TIC utilizadas nas empresas, cun crecemento de 9,9 puntos nas de 0 a 9 traballadores e de 7,9 puntos nas empresas de 10 ou máis asalariados/as con sede ou actividade en Galicia.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.

Blog Xente Dixital

Como aumentar a túa visibilidade en Instagram

Ven 30 Nov

Aínda que as redes sociais naceron orixinariamente para relacionarnos entre nós, é un lugar no que se pode sacar moito rédito empresarial se sabemos como explotalas de maneira adecuada para os nosos intereses. Instagram é unha das redes máis populares na actualidade, polo que estar presente nela é...

LER MAIS

Tres alternativas gratuitas a YouTube para ver contidos orixinais

Mar 06 Nov

Cando falamos de creadores audiovisuais é habitual pensar en directores de cinema ou guionistas que levaron as súas obras a algún gran formato adaptado ao gran público. Pero con Internet o termo de creador audiovisual expandiuse, describindo tamén aos famosos  youtubers, que crean e producen...

LER MAIS

Un tipo de letra para recordar mellor o que les

Mar 09 Out

Ao ler algo que necesitamos memorizar, é habitual que poñamos o “piloto automático” e acabemos lendo todo sen realmente memorizar nada. É algo que ocorre a miúdo cando a lectura é obrigada e a única solución ata agora era poñer máis interese no que estamos a ler. E dicimos ata agora...

LER MAIS