As aulas da Rede CeMIT acollerán en setembro e outubro xornadas formativas que permiten recoñecer e previr as estafas en liña e os ciberataques. Trátase dun programa de charlas promovidas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que, baixo o título, "Vacínate contra os coronabulos: protéxete dos ciberataques", están preferentemente orientadas ás persoas maiores, aínda que poden apuntarse persoas de todas as idades.
Durante as xornadas faise un repaso polos mecanismos de desinformación aos que nos vemos sometidos cada día. Desde a análise dun caso real, abórdanse os obxectivos que perseguen estas falsidades, así como os mecanismos necesarios para detectalas. Repásanse tamén as principais estafas ás que nos vemos expostos no mundo en liña e danse a coñecer os mecanismos para previlas.