Telefónica presentou Jocomunico, unha aplicación gratuíta baseada nun sistema pictográfico e dirixida a persoas que teñen problemas na fala, derivados de parálises cerebrais, autismo severo, ou certos tipos de afasia. Trátase dunha solución capaz de transformar facilmente a linguaxe telegráfica de pictogramas en linguaxe natural. Desenvolvida polo LAB de integración da iniciativa Join de Telefónica (para impulsar o talento novo), en colaboración con Fundación Adecco e Ericsson, está dispoñible para PCs (Windows e Mac), tablets e smartphones (Android e IOs) tanto en castelán como en catalán.
Jocomunico inclúe un sistema de predición de pictogramas, así como a posibilidade de engadir vocabulario personalizado e de crear cartafoles para preparar conversacións. A aplicación é táctil, aínda que está adaptada para que usuarios con problemas de mobilidade poidan utilizar os pulsadores externos que usan habitualmente para outras aplicacións.
Deseño para todos
A aplicación proporciona unha comunicación máis natural e fluída entre emisor e receptor, pois permite utilizar palabras do taboleiro como 'escola', 'querer', 'ir', e transfórmaas en linguaxe natural mediante a conxugación automática do verbo e a ordenación lóxica da frase, finalizando neste caso co resultado de 'quero ir á escola'.
Un equipo de seis novos profesionais, de entre 21 e 30 anos, especializados en enxeñería informática, telecomunicacións, tradución e interpretación, e belas artes traballou durante seis meses no deseño da interface gráfica de Jocomunico como membros do LAB de integración de Telefónica.
Jocomunico xa comezou a utilizarse con éxito no centro Prodis de Terrassa (Prodiscapacitats Fundació Privada Terrassenca), unha entidade social sen ánimo de lucro destinada á asistencia e a promoción integral de persoas adultas con discapacidade intelectual, enfermidade mental ou parálise cerebral, e espérase que o seu uso se estenda proximamente a preto de 200 centros.