O Concello de Narón vén de recoñecer a capacitación e o alto nivel de preparación das/os 134 participantes nos cursos organizados polo Goberno local, boa parte dos cales foron cursos vencellados ás TIC. Máis polo miúdo, a alcaldesa Maríán Ferreiro e máis a concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, entregaron no auditorio municipal os diplomas correspondentes a un total de vinte accións formativas, nas que resultaron aptas as devanditas 134 alumnas e alumnos. En total, foron 27.000 euros os investidos nestas actividades, que abrangueron case 1.074 horas de adestramento e capacitación.
Ferreiro e Hermida felicitaron a tódalas persoas que remataron con éxito estas accións formativas, animándoas a continuar na súa preparación e convidándoas a solicitar ao Concello toda a información que estimen oportuna sobre as vindeiras convocatorias nas áreas de Formación e Novas Tecnoloxías. Polo que se refire aos cursos tecnolóxicos, impartidos na Aula CeMIT da Xuvia, xeraron un total de 72 diplomas. Desenvolvéronse entre os meses de febreiro e xuño deste ano e implicaron un total de 556 horas formativas. Estas foron as actividades desenvolvidas: Iniciación a Internet e correo, Iniciación ao tratamento de textos, Iniciación follas de cálculo, Iniciación bases de datos, Iniciación presentación de gráficas, Internet e almacenamento na nube, Tratamento de textos avanzados, Follas de cálculo avanzado, Bases de datos avanzado, Presentación de gráficas avanzadas, Comunicación Social Media, Trámites e compras en liña, Edición de imaxes con GIMP e Busca de emprego en internet foron os cursos impartidos nesta área.
Hermida subliñou que desde as áreas que preside estase a traballar para conseguir a homologación de máis accións formativas desde o Concello, entre elas a de Competencias Clave Nivel 2, e valorou, xunto coa alcaldesa, o traballo realizado polo persoal da Administración local para poder desenvolver cada ano unha ampla oferta formativa.Finalmente, a alcaldesa manifestou o seu desexo de que o alumnado poida mellorar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral a través destes cursos. “O Concello non ten competencias na área de emprego pero si en formación, unha área á que cada ano tratamos de dotar de máis recursos económicos para poder ofrecer a maior variedade posible de cursos”, asegurou.