main content

main content
30/11/201713:11
Fogar dixital.

A Xunta abre unha consulta pública ao mercado para estender o modelo de teleasistencia avanzada no fogar na Comunidade

  • Esta mañá celebrouse a primeira xornada de traballo con empresas interesadas en participar na busca de solucións para prestar servizos sociosanitarios no fogar
  • A administración autonómica xa está a traballar na creación dunha plataforma tecnolóxica única para os servizos sociais e sanitarios no fogar, sobre o que traballarán diferentes prestadores de servizos en cada un dos ámbitos
  • Permitirá a monitoraxe continua no domicilio de persoas maiores ou de pacientes crónicos para identificar situacións de risco de forma automática e comunicalas telematicamente aos seus coidadores

 

A Xunta abriu esta semana unha convocatoria de consultas preliminares ao mercado para definir os servizos e solucións que permitan estender a teleasistencia avanzada no fogar na Comunidade. Esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) Mar Pereira, xunto co subdirector Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia da Consellería de Política Social, Luis Vázquez; e o subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón, mantiveron a primeira xornada de traballo con empresas interesadas en participar na consulta.

A Administración autonómica aposta por un modelo de Fogar Dixital Sociosanitario, que a través dunha única plataforma tecnolóxica permita a prestación tanto de servicios sanitarios como sociais no domicilio dos usuarios. Búscase a evolución da teleasistencia social actual, baseada no botón de alarma ante unha incidencia, a un modelo que permita identificar situacións de risco no fogar de forma automática e comunicalas telemáticamente aos coidadores ou prestadores de servizos.

O obxectivo desta consulta é identificar o modelo tecnolóxico que permita prestar no domicilio os servizos catalogados como teleasistencia avanzada. É preciso definir tanto os compoñentes tecnolóxicos cos que ten que contar o fogar, como a conectividade necesaria para o correcto funcionamento dos diferentes servizos, así como o modelo económico que permita estender de maneira eficiente a teleasistencia avanzada no territorio galego.

Entre os servizos que incorporará a teleasistencia avanzada están os relacionados coa domótica (detección de situacións de risco por escapes de gas, auga, lume...); os relacionados co estudo de alteracións nos hábitos no domicilio (patróns de actividade, caídas...); a xeolocalización dos usuarios; a telediagnose, teleconsulta médica, telemonitorización sanitaria ou os relacionados coa mellora da capacidade cognitiva dos usuarios.

Na actualidade, aproximadamente uns 5.000 fogares benefícianse do modelo de teleasistencia actual dentro dos programas impulsados pola Xunta. Estes fogares son susceptibles de beneficiarse da evolución a un novo modelo de telasistencia, así como outros colectivos de persoas maiores que vivan soas ou enfermos crónicos que así o requiran.

 

Actuacións en marcha: Activage, HSUE, Decreto Fogar Dixital

A Administración autonómica ten en marcha diferentes actuacións encamiñadas a facilitar este novo modelo de prestación de servizos sociosantiarios.

Así, no marco do proxecto europeo Activage, o Sergas, a Consellería de Política Social, a Amtega están a colaborar con Televés e a Cruz Vermella na pilotaxe de solucións de fogar dixital sociosanitario con 700 usuarios, 100 deles con necesidades puramente clínicas, 450 usuarios de prestacións sociais, e 150 con necesidades sociosanitarias.

As probas de diferentes solucións en función dos perfiles permitirá sentar as bases dunha futura carteira de servizos sociais prestados desde o fogar (coidado integral para os adultos de idade avanzada con enfermidades crónicas, a monitoraxe da actividade diaria, solucións de seguridade e confort en casa, de estimulación cognitiva ou de prevención do illamento social, etc).

Por outra banda, dentro do proceso de modernización dos servizos sociais, a Xunta puxo en marcha a Historia Social Única Electrónica, que proporciona aos profesionais deste área social, tanto a nivel autonómico como municipal, un acceso único ao expediente social dixital de 530.000 usuarios incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais. Xa está operativa en preto de 200 concellos e nun futuro será un dos instrumentos que facilitará o modelo de teleasistencia avanzada no fogar. A entrada en funcionamento do HSUE supón un avance cara á futura historia-sociosanitaria, que permitirá a completa trazabilidade da información do cidadán en ambos sistemas.

A nivel normativo aprobouse o Decreto que garante que as novas vivendas dispoñan das infraestruturas necesarias para ter acceso a servizos dixitais avanzados do Fogar Dixital, tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort.

Establece que para obter as licenzas oportunas será requisito obrigatorio proxectar e instalar as infraestruturas de soporte do Fogar Dixital. A norma obriga a incorporar unha serie de canalizacións, rexistros e espazos de reserva durante a fase de construción das vivendas e recolle tamén a recomendación de que estas se inclúan cando se rehabiliten ou remodelen as vivendas xa existentes.

 

Benestar e autonomía

A teleasistencia avanzada busca mellorar o benestar, a autonomía e saúde das persoas maiores ou con dependencia, convertendo o fogar nun lugar seguro e confortable para aquelas persoas maiores que tendo autonomía, e preferindo manterse na súa contorna social, precisan de servizos e coidados sociais e sanitarios que se poidan prestar a distancia.

Falamos dun servizo de gran importancia para acadar un modelo de prestación de servizos públicos sustentables na Comunidade onde o 23,6% da poboación ten máis de 65 anos, dos que aproximadamente 110.000 viven sós e a maioría prefiren vivir no seu fogar.

25/09/201712:09
Cartel da xornada.

A Amtega e a AETG organizan unha xornada sobre as obrigas normativas do Fogar Dixital en Galicia para concellos e promotores

  • Terá lugar o día 17 de outubro de 10.00 a 12.00 horas no CDTIC e poderá seguirse tamén por videoconferencia nas aulas CeMIT de 15 concellos de Galicia
  • Está dirixida a persoal municipal con competencias no ordenamento urbanístico así como aos instaladores e promotores

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Axencia de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) organizan o día 17 de outubro a xornada de presentación da “Guía técnica e Proxecto Tipo de Infraestruturas de Fogar Dixital (IFD)”, que se retransmitirá dende as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia, en Santiago de Compostela, e poderase seguir a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de diversas localidades de Galicia en horario de 10.00 a 12.00 h.

O obxectivo da  xornada é informar a persoal municipal con competencias no ordenamento urbanístico así como aos instaladores e aos promotores sobre as novas obrigas normativas neste ámbito. Ademais, presentarase o Proxecto Tipo de Infraestruturas de Fogar Dixital elaborado pola AETG para facilitar o cumprimento do Decreto aprobado pola Xunta en 2016 que establece como requisito obrigatorio para obter licenzas de nova construción proxectar e instalar as infraestruturas de soporte precisas para o acceso a servizos dixitais avanzados do Fogar Dixital, tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort.

Estas infraestruturas abranguen as canalizacións, rexistros e espazos de reserva que se instalan durante a fase de construción sobre as que, posteriormente, se instalan os equipamentos do Fogar Dixital. A incorporación destas infraestruturas na fase de construción minimiza o incremento do custo e supón un importante aforro fronte á súa instalación coa vivenda xa rematada.

 

Aulas

As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse á aula do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela (https://cdtic.xunta.gal/) ou ben a calquera das aulas CeMIT das seguintes localidades, que mostraron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia a dita xornada e así poder evitar desprazamentos innecesarios:

  • Abegondo
  • Boiro
  • Coruña (Eirís)
  • Padrón
  • Pontedeume
  • Vimianzo
  • Burela
  • Foz
  • Ribadeo
  • Sarria
  • Bande
  • Verín
  • Pontevedra
  • O Porriño
  • Valga

Pódese consultar os datos de contacto das aulas CeMIT na seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/centros.

 

Servizo de asesoramento a concellos

Esta xornada nace como unha iniciativa da Oficina Concellos xestionada pola AETG no marco do convenio firmado coa Amtega. Ademais, trala xornada, a Oficina porá a disposición dos concellos, promotores e instaladores a documentación presentada durante a videoconferencia.

A Oficina Concellos ofrece un servizo de asesoramento e soporte especializado sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación. Calquera concello que precise de axuda neste ámbito pode chamar ao teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h ou ben enviar a súa consulta ao enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS