Fai falta visualizar os esforzos das nosa mulleres nos ámbitos da ciencia e as novas tecnoloxías, non só polas que xa abriron camiños nestes eidos, aínda que tamén, senón tamén polas que están por vir. Baixo esta premisa celébrase este 11 de febreiro, no ámbito internacional, o Día da Muller e a Nena na Ciencia, impulsado polas Nacións Unidas. Para festexalo e para lembrarlle ao mundo que elas tamén fixeron, fan e farán coñecemento innovador (malia ter tido, e ter, moitas máis cousas na súa contra) os museos científicos coruñeses acollen este sábado múltiples actividades. As citas son pola mañá no Centro Universitario de Riazor e, pola tarde, na Domus. Haberá charlas divulgativas de balde até completar aforo.
A sesión da Domus comezará ás 16.30 horas, con Nenas e aspiracións científicas no cinema e a tele, un relatorio de Joana Magalhães, doutora en Bioquímica e Bioloxía molecular e investigadora no Grupo de Investigación en Reumatoloxía CICA-INIBIC e CIBER-BBN. Ás 17.00 horas Javier Pedreira Wicho, responsable informático dos Museos Científicos Coruñeses e co-fundador de Microsiervos.com, ofrecerá a charla A informática tamén é cousa de mulleres.
Seguirá, ás 17.00 horas, A ciencia da arte, en feminino, a cargo de Deborah García Bello, química, divulgadora científica e autora de Dimetilsulfuro.es. Esta mesma divulgadora será a encargada de presentar a mesa redonda que se desenvolverá entre as 18.00 e as 19.00 horas, baixo o epígrafe Mulleres na ciencia, que contará coa participación de Joana Magalhães, doutora en Química, Mª Teresa Rodríguez Blas, catedrática e investigadora no Grupo de investigación Metais en Medio Ambiente e Medicina, UDC; a escritora Estíbaliz Espinosa Río, quen achega un especial enfoque na simbiose entre Ciencia e Humanidades e Ana Jesús López Díaz, do Grupo de investigación Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser, da UDC.
Antes, na sesión da mañá, no Centro Universitario de Riazor, investigadoras da UDC falarán desde as 11.00 horas sobre a vida e os logros científicos de mulleres que foron pioneiras en diferentes eidos da ciencia, como a matemática María Wonenburguer, a enfermeira Florence Nightingale, a química e cristalógrafa Rosalind Franklin, a arquitecta Lina Bo Bardi, a bioquímica Esther M. Zimmer, ou a matemática Augusta Ada King-Noel.