Finalmente celebrouse este venres, no recinto de PALEXCO (A Coruña) e contando coa presenza de 300 profesionais e empresarios do sector, a XXII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. A gala, organizada un ano máis polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, COETG-AETG, comezou ás 20.00 horas e estivo presidida polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A actriz Silvana Sestelo presentou o evento, que xirou arredor da necesidade de adestrarnos e xuntar forzas para tirar proveito das oportunidades da información a gran escala e facelo con total seguridade e confianza. Segundo fixo saber na súa intervención Julio Sánchez Agrelo, decano do Colexio e presidente da AETG, “só desde a unión podemos avanzar e afrontar con éxito os grandes retos que se nos presentan cada día como son, entre outros, a ciberseguridade e o Big Data. Ou facémolo nós ou alguén o fará por nós”.
A cita comezou ás oito da tarde cun networking, no que participaron uns 300 profesionais e empresarios do sector. Ás 21.30 horas principiou a gala (adicada como dixemos á ciberseguridade) presentada pola actriz e bailarina Silvana Sestelo. En palabras da organización, “foi un espectáculo disruptivo e orixinal, no que se conxugaron, con gran ritmo, a música, a iluminación, a danza, a proxección de vídeos, os discursos e a entrega de premios”.
No seu transcurso foron galardoados profesionais e empresas: Enxeñeiro do Ano, Paulino González; Socio de Honra, Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, Situm Technologies; Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC, Alejandro Ramos Soto; ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa AMTEGA e a firma Balidea Consulting & Programming; ao mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Víctor Manuel Segura Sieiro; e o premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, FINSA.
No nome dos premiados interveu Paulino González, quen subliñou que volvendo a vista atrás, “pódolles dicir que foi unha satisfacción exercer como teleco. Se volvese nacer, volvería elixir, sen dúbida, esta marabillosa profesión”. González fixo referencia ao seu paso por Telettra, Airtel e Vodafone e á súa contribución ou desenvolvemento da rede de telefonía móbil de Vodafone en Galicia, que, dixo, “posibilitou a dinamización do mercado e a sempre estimulante competencia”. E unha consecuencia clara: “Unha maior calidade dun servizo, que hoxe é de primeira necesidade”.
“A infraestrutura da nosa rede”, engadiu Paulino González, “desenvolveuse en igualdade de condicións que no resto de España, tanto en tempo como en calidade. O que, por desgraza”, dixo, “non podemos afirmar en relación con outras infraestruturas tamén esenciais”.
O enxeñeiro do ano rematou o seu breve discurso cunha referencia familiar e adicando o premio a un “elenco de extraordinarios profesionais que me axudaron e acompañaron ao longo desta fantástica carreira profesional. Sen eles nada sería posible”. Por iso, engadiu, “nun acto de xustiza, quero compartir con todos eles o premio que tiveron a amabilidade de concederme”.
A Noite desenvolveuse logo do proceso electoral celebrado no primeiro semestre deste ano, co que se abre “unha nova etapa no Colexio e na Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia”. Segundo salientou Julio Sánchez Agrelo, “estamos aquí para recoller a magnífica herdanza dos equipos directivos que nos precederon e para, na medida do posible, superala e mellorala”.
Despois dunhas palabras de recoñecemento para o decano e presidente saínte, o seu substituto sinalou que “tomamos o relevo con tanta determinación como ilusión”. A maiores, fixou como o seu principal obxectivo “vertebrar os profesionais das TIC, comezando pola integración, no colexio e na asociación, de todos os enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia”.
Por outra banda, o novo decano e presidente do Colexio e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia puxo especial énfase na “defensa da dignificación do noso traballo”. E engadiu: “Reivindicaremos a nosa función como profesionais das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. A ninguén debe molestarlle que reclamemos o que lexitimamente nos corresponde”.
Xusto antes do remate da Noite, Sánchez Agrelo tivo unha lembranza emocionada para Fernando Pardo, falecido hai hoxe xustamente un ano, ao que definiu “coma un dos pais fundadores da TVG, un mestre e un magnífico divulgador da enxeñería de Telecomunicación; unha referencia a seguir, tanto no ámbito persoal como profesional”.
Segundo fixo saber a organización, este acto celebrado en PALEXCO (“e 22 anos despois da súa posta en marcha”), a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, pasará a ser itinerante e, nos vindeiros anos, celebrarase nas cidades máis importantes da nosa comunidade. Esta edición coincidiu, como lembraremos, co 25 aniversario da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.