Esta finde (o sábado 10 e o domingo 11) celebrarase na Coruña unha nova edición dos obradoiros de robótica e as charlas didácticas da operadora, os obradoiros CreaR. Será no marco da Mercado da Colleita da Coruña e a través desta cita porase o foco nas posibilidades que as novas tecnoloxías nos ofrecen se se fai un bo uso delas. A cita será no número 1 do paseo das Pontes, no marco do mercado ecolóxico e de produtos naturais que impulsa a compañía cervexeira galega Hijos de Rivera. As actividades do operador de cable irán destinadas a nenas e nenos de entre 5 e 10 anos. Logo da recalada na Coruña, CreaR arribará en Pontevedra, Cangas, Cambre e Lugo.
A presenza de R no Mercado da Colleita ten que ver cunha temática que é lindeira da innovación e a calidade: a sustentabilidade. En base a isto, informa a operadora, “este ano quixemos que os peques da casa tivesen unha participación máis activa a prol da contorna natural”. Por iso, os nenos poderán redeseñar o medio co apoio da súa creatividade: empregando materiais naturais (terra, area, palla e auga) construirán estruturas ou espazos de xogo e aprenderán a facer unha casa ou calquera outro elemento sustentable mediante a técnica da bioconstrución. Os obradoiros, para un máximo de 20 nenos por sesión, desenvolveranse nas mañás do sábado 10 e domingo 11 de agosto, organizados en dúas quendas: para nen@s de 5 a 7 anos, de 11:00 a 12:00 h; e para nen@s de 8 a 10 anos, de 12:00 a 13:00 h. Para formalizar a inscrición nas actividades, cómpre que nos acheguemos a recoller a nosa entrada, previo convite, na tenda R da rúa Compostela, 8 da Coruña (de luns a venres, de 10:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:30 h; e os sábados, de 10:00 a 14:00 h).
Ademais dos talleres CreaR, no Mercado da Colleita a compañía de cable celebrará outras actividades abertas a todo o mundo, para as que non será preciso dispoñer de convite previo. “Así”, explica a empresa, “viaxaremos no tempo con xogos tradicionais coma, entre outros, caldeiros colgados, carreiras de tartarugas ou carreiras de coches”. No espazo de R, ademais, “os non tan peques poderán evocar a súa nenez botando man dalgún dos xogos populares de toda a vida”. Os obradoiros de CreaR proseguirán o seu periplo até final de ano para visitar as localidades de Pontevedra, Cangas, Cambre e Lugo. En todos os casos, os talleres están abertos ao público xeral, tanto a clientes coma a non clientes do operador galego. Toda a información para participar, no blog de R.
Digitalent 2020
Os obradoiros CreaR son outra das accións de R como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia e colaborador do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (Digitalent), que desenvolve a Xunta de Galicia a través da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).