main content

main content
15/11/202217:11
Inauguración das novas instalacións do Centro de Excelencia de Intelixencia de Negocio (CEIN) en Galicia.
Santiago de Compostela

O presidente da Xunta destaca a mellora do CEIN de DXC Technology como proba da aposta de Galicia pola intelixencia artificial da man do talento e da iniciativa privada

  • Resalta que a consolidación e expansión do centro, que pasou en seis anos de 50 a 150 traballadores, demostra que a Comunidade é un referente no eido da tecnoloxía de vangarda e da analítica de datos
  • Subliña que Galicia foi precursora cando hai un decenio puxo en marcha o Pacto Dixital para impulsar o crecemento tecnolóxico ao que se sumaron 12 empresas e que foi o impulsor do CEIN
  • Anuncia un novo acordo coa compañía para desenvolver unha plataforma intelixente de datos na Administración autonómica
  • “Teño moita confianza en que Galicia poida ser a sede da Axencia Estatal de Intelixencia Artificial”, asegura o titular do Goberno galego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a mellora do Centro de Excelencia de Intelixencia de Negocio (CEIN) como proba da aposta de Galicia pola intelixencia artificial da man do talento e da iniciativa privada. Na inauguración das novas instalacións da compañía de DXC Technology, resaltou que a consolidación e expansión do centro, que pasou en seis anos de 50 a 150 traballadores, demostra que Galicia é un referente no eido da tecnoloxía de vangarda e da analítica de datos.

O titular do Goberno galego recordou que a Comunidade demostrou ser precursora cando hai case dez anos se puxo en marcha o Pacto Dixital de Galicia, ao que se sumaron 12 empresas do sector TIC para impulsar o crecemento tecnolóxico, e que esa iniciativa favoreceu a posta en marcha do CEIN, que nada máis inaugurarse quedou pequeno para a demanda que tiña por parte de empresas e organismos para a análise de predición de datos a fin de tomar as decisións máis axeitadas.

A necesidade de obter certezas en tempos de incertezas incrementou a demanda coa chegada da pandemia, de tal maneira que o CEIN non só acrecentou as súas colaboracións coa Administración autonómica -como a análise de predición na prestación farmacéutica ou na atención á dependencia, ademais da plataforma de comunicación É-Saúde- senón tamén estudos de datos solicitados pola banca ou por sectores como o da moda.

Coas ampliadas instalacións do CEIN a Xunta tamén quere redobrar as alianzas coa compañía co desenvolvemento dunha plataforma para a xestión intelixente do dato na Administración autonómica. Permitirá desenvolver o Plan de administración e goberno dixital 2025 e ofrecer produtos e servizos avanzados, facilitar a toma de decisións e a posibilidade de compartir e aproveitar datos públicos non persoais para o desenvolvemento económico e social de Galicia. “O Goberno galego tamén é cliente do CEIN porque somos esixentes coas concesionarias e sabemos o ben que se traballa aquí”, subliñou Rueda.

Estratexia Galicia Dixital 2030

Alfonso Rueda recordou que a Comunidade autonómica conta cuns obxectivos moi ambiciosos na posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030, coa que se pretende que o 25 % das empresas e o 50 % das administracións fagan uso de solucións dixitais baseadas na intelixencia artificial, a big data ou a ciberseguridade, e que polo menos o 20 % das empresas do sector TIC galego conten con especialistas en ciberseguridade, intelixencia artificial ou datos.

O sector das TIC, cuns 26.000 traballadores e máis de 3.000 empresas, é chave no proceso de transformación dixital que Galicia iniciou hai máis dun decenio e que na actualidade conta xa co Nodo de Ciberseguridade de Galicia e co Centro de Ciberseguridade de Galicia, ademais do Nodo 5G e o Centro GaiásTech.

O presidente da Xunta recalcou que nada do acadado sería posible de non contar co talento galego que se forma nas universidades e nos centros de investigación. “Entre todos perfilamos un tecido que non fai máis que medrar e que situou a Galicia nunha situación punteira”.

De feito, Alfonso Rueda mostrouse convencido de que a suma do talento e da investigación, xunto coa implicación da iniciativa privada, coloca á Comunidade galega nunha posición dominante no panorama estatal, e que por iso “teño moita confianza en que Galicia poida ser a sede da Axencia Estatal de Intelixencia Artificial. 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS