
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Ability Connect, así se chama a nova aplicación gratuíta adaptada ás necesidades de persoas xordas e persoas con baixa visión ou dislexia deseñada polo investigador José María Fernández, do Centro de Apoio ao Estudante da Universidade de Alacante (UA), coa colaboración do estudante do Máster Universitario en Desenvolvemento de Software para Dispositivos Móbiles da UA, José Carlos Alfaro, e o apoio da Fundación Vodafone España.
Co obxecto de proporcionar oportunidades de aprendizaxe inclusivas e eficaces para todo o alumnado, esta nova ferramenta permite a comunicación en tempo real de varios dispositivos por bluetooth, aínda que tamén se pode utilizar mediante wifi ou datos móbiles. Así, mentres un voluntario toma apuntamentos nun iPad do que sucede na pizarra ou o que di o profesor ou profesora, o estudante con discapacidade pode seguir no seu dispositivo o contido que está a introducir o seu compañeiro así como arquivalo, modificalo e consultalo a posteriori.
Deseñada para dispositivos móbiles con sistema operativo iOS de Apple, a app tamén pode ser utilizada para a tradución de idiomas e para realizar subtitulado en eventos.
Características avanzadas de visualización
A ferramenta conta con características avanzadas de visualización de contido para adaptarse ás necesidades de varios colectivos de persoas con discapacidade. En concreto, é o seu modo de visualización estándar, o usuario pode configurar a cor do fondo e do texto para mellorar o contraste, e seleccionar o tamaño e o tipo de fonte para aumentar a lexibilidade do contido.
Doutra banda, nunha opción máis avanzada, pódese seleccionar un modo de visualización ‘palabra a palabra' no cal irán aparecendo na pantalla o texto recibido palabra a palabra, podéndose configurar a velocidade de aparición das mesmas, a cor de fondo e do texto e tipo de fonte. Ademais, en calquera instante, o usuario pode retroceder, pausar e avanzar polo contido manualmente.
O modo de visualización avanzada está pensado especialmente para persoas con baixa visión evitando que teñan que ampliar a interface e para persoas con problemas de lectoescritura, como poden ser persoas con dislexia, para salvar confusións derivadas da disposición das palabras no texto.
A app Ability Connect, dispoñible para a súa descarga de forma gratuíta na Apple Store, foi desenvolvida en dentro dunha colaboración en materia de innovación en tecnoloxías accesibles para mellorar a integración das persoas con discapacidade da Fundación Vodafone España.
O Instituto Galego de Consumo vai organizar o vindeiro 6 de febreiro, en horario de 11:00 a 12:00 horas, unha charla sobre telefonía móbil, de carácter informativo, incidindo nos dereitos dos consumidores neste eido. A actividade insírese no programa de divulgación aos consumidores desenvolvido polos técnicos da dita entidade a través de videoconferencias: dende a sede da Escola cara ás diferentes aulas CeMIT que queiran participar. Entre os obxectivos concretos da charla do día 6 están os de asesorar e informar os cidadáns para que defendan os seus dereitos como consumidores desde o momento que adquiren un terminal móbil ou contratan un servizo. Falarase dos principais conceptos que hai que ter en conta na contratación coas compañías de telefonía móbil: tipos de tarifas, permanencia, itinerancia, etc.
Máis en detalle aínda, trataranse tamén temas como as irregularidades na facturación ou no fornecemento de servizos, ou diversos incumprimentos do contrato (roaming, SMS Premium, subscrición a chamadas non solicitadas, modificacións contractuais, etc). Tamén se avaliarán as principais reclamacións en materia de telefonía móbil e como realizar un uso responsable desde o punto de vista do consumo. As persoas interesadas poderán inscribirse para seguir o evento a través de videoconferencia que se emitirá nas aulas CeMIT das seguintes localidades (iráse actualizando este listado no caso de que algunha aula máis solicite a súa participación): Bande, Beariz, Betanzos, Boiro, Brión, Carballedo, Celanova, Fisterra, Leiro, Marín, Ortigueira, Pontedeume, Pontevedra, Santa Comba,Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
A Fundación Barrié presentou, na Casa de Galicia de Madrid, a extensión nacional do programa Máis Social, un programa pioneiro no ámbito social que se iniciou no ano 2011 e que ten como obxectivo primordial a sustentabilidade económica das entidades sociais mediante a mellora da súa xestión directiva.
No acto participaron José María Arias, presidente da Fundación Barrié; Juan Carrión, presidente da Federación Española de Enfermidades Raras; Jaume Marí, presidente da Confederación Aspace; Luciano Fernández, presidente da Federación Española de Dano Cerebral e D. Domingo Aceves, vicepresidente da Confederación Española de Alzheimer, que representan a catro das seis confederacións que participarán no programa piloto da extensión nacional de Máis Social. Todos eles estiveron acompañados tamén por José Ramón Ónega, delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia. Ao acto asistiron ademais, representantes da Confederación Asperger España e a Rede Española de Entidades polo Emprego, recentemente incorporados ao programa.
A Fundación Barrié estende así Máis Social fóra de Galicia enfocando o Programa cara a confederacións nacionais, ás que se ofertarán os seguintes instrumentos de apoio que promoven un modelo de crecemento sustentable:
Integrado por cinco módulos nos que se abordarán temas de estratexia e liderado orientado a resultados, comunicación e márketing, captación de fondos, xestión de proxectos e xestión de persoas, que se complementarán con xornadas de experiencias nas que participarán entidades das diferentes confederacións.
Desenvolvemento da web corporativa a Confederacións de acción social, que abarcará o deseño, montaxe e instalación de cada nova páxina, así como o asesoramento na elaboración de contidos, formación para a autoxestión da web e difusión dentro e fóra do Terceiro Sector, coa participación da empresa Edisa como socia nesta parte do programa.
Dirixida á realización dun plan de acción que axude a mellorar a comunicación interna das confederacións participantes con todas as súas entidades federadas.
Xornada orientada ao adestramento na presentación de proxectos a posibles financiadores e que pretenden complementar cun evento de captación de fondos.
O programa formativo e a implementación de web realizaranse durante este ano 2016. En 2017 levará a cabo a consultoría, o Social Venture Academy e o evento de captación de fondos.
O orzamento estimado para o desenvolvemento completo deste programa piloto ascende aproximadamente a 700.000 euros. Todos os servizos ofertados terán carácter gratuíto para as confederacións participantes, que só deberán cubrir os seus gastos de desprazamento, se os houbese, ás actividades e eventos que implica o programa e que se desenvolverá en Madrid.
Entidades participantes na fase piloto
A Fundación Barrié
A Fundación Barrié é unha fundación privada galega, creada en 1966 polo empresario Pedro Barrié da Maza co obxectivo de fomentar o desenvolvemento socioeconómico e cultural de Galicia a través de programas nas áreas de Educación, Ciencia, Acción Social, Cultura e Patrimonio e cun investimento, desde a súa constitución, de máis de 400 millóns de euros.
Os programas na área de Acción Social obedecen a catro estratéxicas e mostran un sólido compromiso da Fundación co terceiro sector: profesionalización do terceiro sector (onde se encadra Máis Social); reinserción social; prevención social e apoio a iniciativas sociais.
O Centro de Maiores Afundación Lugo presenta a súa oferta formativa en TIC ao longo deste ano 2017 e para os seus usuarios. Unha ampla variedade de cursos que desvelarán as vantaxes do uso das novas tecnoloxías na vida diaria, desde solicitar unha cita médica ata encargar a compra. Todas aquelas persoas interesadas poderán dirixirse ao Centro de Maiores Afundación Lugo ou ben no teléfono 982 24 18 78.
Un dos eixos estratéxicos de Afundación está centrado no envellecemento activo, con tres liñas de traballo. Por unha banda, o benestar psicofísico e o desenvolvemento persoal con actividades e obradoiros nos centros propios da entidade. Abórdanse cuestións de hábitos saudables, promoción da cultura e da expresión artística e dinamización da formación e do coñecemento. Afundación promove o desenvolvemento de actividades de viaxes e excursións como instrumentos que redundan nunha maior formación. Os 11 centros de maiores que se sitúan nas principais cidades de Galicia, máis Viveiro, Betanzos, Monforte e Pontedeume, poñen en marcha todas estas iniciativas.
Outra das ramas do envellecemento activo reside na posta en valor da experiencia e a procura de oportunidades para que as persoas maiores sigan contribuíndo de forma activa coa sociedade. "O valor da experiencia", co proxecto de «Fálame da emigración» no que participaron 400 maiores e máis de mil estudantes de diversos institutos de Galicia, promove o contacto e o intercambio de coñecementos entre persoas de moi distintas xeracións. O voluntariado de maiores nos ámbitos sociais e profesionais para «ampliar o seu horizonte, xa que estamos convencidos de que teñen moito que achegar á comunidade. Imos promover actividades que permitan aproveitar a bagaxe deste colectivo.
E en terceiro lugar, unha aposta transversal para contribuír a cambiar a imaxe social das persoas maiores. Neste sentido, Afundación súmase ás celebracións que poñen de manifesto a importancia de coñecer e nutrirse, como sociedade, da riqueza xurdida a partir das experiencias de vida dos maiores.
A Mobile World Capital lanzou a Mobile Week Barcelona, unha nova iniciativa que propón unha reflexión ao redor da transformación dixital e a tecnoloxía móbil na cidade, nunha proposta que terá lugar entre o 20 e o 26 de febreiro con actividades nos 10 distritos da capital catalá.
Nunha rolda de prensa este martes, o CEO de Mobile World Capital Barcelona, Aleix Valls, explicou que a Mobile Week ten como obxectivo abordar os retos, os límites e as oportunidades da revolución dixital: "Por primeira vez, reunimos emprendemento, industria dixital e cultura".
Valls observou que este proxecto "encherá a cidade", ademais de permitir que a cidadanía vexa como a dixitalización está a cambiar o seu día a día nos máis de 60 equipamentos culturais e científicos, espazos de innovación, centros de investigación e universidades nos que se realizarán estas actividades.
Programación
A programación da Mobile Week Barcelona divídese en tres formatos de actividades: diálogos, dez conversacións para abordar o impacto da transformación dixital; creacións artísticas, dez artistas mostran a súa visión sobre a dixitalización e o seu impacto, e rutas inspiradoras, dez rutas por espazos de creatividade e innovación.
Os diálogos celebraranse desde o luns 20 ao venres 24 de febreiro en horarios de mañá --13.00 a 14.30 horas-- e tarde --19.00 a 21.00 horas--, e neles achegaranse aos barceloneses as últimas novidades tecnolóxicas, ademais de potenciar o debate sobre os escenarios que xurdiron por mor da dixitalización da cidade.
Os encontros, que serán gratuítos e abertos á cidadanía previa inscrición, tratarán o futuro das cidades; a Cuarta Revolución Industrial; a vida móbil e novos consumos culturais; calidade de vida, saúde e revolución dixital; educación e tecnoloxía; ética e tecnoloxía; intelixencia artificial e mente humana; limites da (non)realidade; a nova sociedade colaborativa, e a seguridade persoal e o 'big data'.
Creacións e rutas
Ademais, a Mobile Week contará con dez creacións artísticas inspiradas na transformación dixital, unhas pezas que foron seleccionadas a partir dun concurso público, nas que se mostrará a visión de cada autor sobre a dixitalización e o impacto da tecnoloxía en diferentes ámbitos da cidade.
As propostas pertencen a distintas disciplinas artísticas --letras, vídeo-arte, cinema, pintura, escultura, música, fotografía e arte urbano, entre outras-- e estarán expostas en equipamentos e entidades dos dez distritos da cidade.
A programación prevista propón tamén dez rutas inspiradoras polos dez distritos barceloneses co obxectivo de "redescubrir" os espazos de creatividade, innovación cultura dixital, tecnoloxía e pensamento máis relevantes da cidade, nunha actividade que será gratuíta, aínda que terá aforamento limitado previo rexistro e terá unha duración de tres horas.
Mobile World Capital tamén expuxo o "programa paralelo" Off Week, e dentro da súa programación o Mobile World Capital acollerá dúas iniciativas propias gratuítas e de libre acceso: a exposición 'A Mobile Story, Virtual Scape Room', e un espazo para achegar as innovacións presentadas no Mobile World Congress (MWC).
O director de márketing e comunicación do Mobile World Capital Barcelona, Juan Baselga, destacou que era o momento que a fundación fixese un esforzo para achegar á cidadanía o cambio tecnolóxico, mentres que o tenente de alcalde de Empresa, Cultura e Innovación, Jaume Collboni asegurou que o obxectivo do Goberno municipal é converter Barcelona no primeiro 'hub' tecnolóxico de Europa.