main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/02/201710:07
Voluntarios de Voluntechies ao final dun obradoiro no Hospital da Paz, en Madrid.
Santiago de Compostela

En busca do mellor proxecto social

  • Unha iniciativa de realidade virtual para hospitais é unha das candidatas ao premio G5 Innova

 

Facer unha viaxe submarina no hospital, enviar un documento oficial desde un pobo perdido de Soria, ou turismo para xente que vai en cadeira de rodas. Dez empresas e ONG son candidatas ao premio G5 Innova, que concede a empresa de xestión de servizos sociais Grupo 5, e cuxo gañador se coñecerá en marzo.

Voluntechies organiza obradoiros de realidade virtual para nenos hospitalizados. Francisco Rojo, fundador da ONG, sinala que os obradoiros “permiten aos máis pequenos esquecerse por un momento de onde están para descubrir as profundidades do océano marítimo, subir a unha montaña rusa ou coñecer as sete marabillas do mundo”, mediante a aplicación de realidade virtual Google Expeditions. Ademais, ensínanlles a montar as súas propias lentes de realidade virtual para que poidan personalizalas “e seguir gozando de moitas máis aventuras durante o resto da súa estancia no hospital”.

Para Rojo, os premios G5 Innova supoñen un gran impulso, posto que permiten dar maior visibilidade ao proxecto. "Obter o premio supoñería unha grande oportunidade, non só polo premio en efectivo [7.000 euros] que nos permitiría escalar o proxecto a nivel nacional, senón pola posibilidade de avanzar na nosa estratexia e lograr achegarnos a un maior número de nenos hospitalizados”, comenta.

En calquera caso, este ano, grazas ao apoio dos seus colaboradores, Fundación Telefónica e Google, o concurso vai chegar a máis colectivos, como discapacitados, persoas da terceira idade ou en risco de exclusión social. Para 2020 teñen o ambicioso obxectivo de chegar a 100.000 persoas.

Das persoas discapacitadas ou con diversidade funcional ocúpase xa outro candidato, Discubre: un marketplace no que poden atopar produtos de ortopedia ou solucións profesionais ou para a vivenda. Así mesmo, Omnirooms é un portal de turismo accesible, dentro de España, dirixido a persoas que van en cadeiras de rodas.

Tamén de turismo, aínda que para todos os públicos, é a aplicación Free Touring, que pon en contacto a turistas con guías profesionais e afeccionados para organizar excursións gratuítas en Madrid.

De Cataluña procede Activitum, aínda en fase de proba, que reúne de forma accesible actividades para escolares fora das aulas, con alto valor pedagóxico, como teatro, museos ou conferencias. De Castela, concretamente de Soria, vén A Exclusiva, un portal que facilita a compra de produtos ou servizos a domicilio aos habitantes de pobos pequenos da provincia. O obxectivo é reducir o despoboamento, ao simplificar o acceso a recursos como alimentos, medicamentos ou a presentación de documentos oficiais.

Dous prefinalistas son aplicacións do ámbito médico. Unha é Donate, que promociona e xestiona a doazón de sangue (citas, chamamentos) cun código QR que unifica os carnés de doante e que pretende solucionar o feito de que non se poida compartir datos de doantes entre os diferentes centros de hemodonación de España. E Insulclock é un dispositivo para diabéticos que se comunica con smartphones e outros aparellos, informando de maneira exacta cando e canta medicación se administrou a persoa.

Ondula é un proxecto de formación e investigación que aborda as novas tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) desde un enfoque centrado na persoa e nos grupos. E a Asociación Alma está a desenvolver un dispositivo de solicitude de auxilio para as mulleres que sofren violencia de xénero pero que aínda non denunciaron ou que conviven co seu agresor.

 

En marzo, o gañador

Hoxe mércores culmina a segunda fase do concurso, cun evento no que os 10 prefinalistas se reunen con 10 profesionais de Grupo 5 para que lles asesoren en emprendemento.

A terceira fase culminará o 1 de marzo, coa elección dos tres finalistas por parte dun xurado mixto de Grupo 5 e profesionais independentes.

E, por último, na primeira quincena de marzo darase a coñecer ao gañador, que ademais de 7.000 euros en efectivo, poderá gozar de asesoría ao redor da estratexia, o plan financeiro e a comunicación, a fin de achegarlle a posibles investidores. 

O gañador da edición anterior foi Lazzus, unha aplicación desenvolvida pola startup asturiana Neosentec que guía aos cegos na rúa.

02/02/201709:50
Interface cerebro-ordenador.
Santiago de Compostela

Un interface permite comunicarse a persoas con síndrome de enclaustramento total

  • Aos pacientes que sofren de parálise completa, pero con preservación da conciencia, a cognición e os movementos dos ollos e o parpadeo son clasifícados co síndrome de enclaustramento. Se perden tamén os movementos dos ollos, o trastorno pasa a denominarse como síndrome de enclaustramento total.

 

Unha interface cerebro-ordenador que descifra os pensamentos das persoas que son incapaces de comunicarse podería revolucionar as vidas daqueles que viven coa síndrome de enclaustramento, segundo un novo documento publicado este martes en 'PLOS Biology'. En contra das expectativas, os participantes no estudo dixeron sentirse "felices", a pesar da súa enfermidade.

Aos pacientes que sofren de parálise completa, pero con preservación da conciencia, a cognición e os movementos dos ollos e o parpadeo son clasifícados co síndrome de enclaustramento. Se perden tamén os movementos dos ollos, o trastorno pasa a denominarse como síndrome de enclaustramento total.

Neste traballo, realizado por un equipo multinacional, dirixido polo profesor Niels Birbaumer, do 'Wyss Center for Bio and Neuroengineering', en Xenebra, Suíza, os pacientes con síndrome de enclaustramento completo puideron responder "si" ou "non" ás preguntas faladas, pensando as respostas. Unha interface cerebro-ordenador non invasiva detectou as súas respostas medindo os cambios nos niveis de osíxeno en sangue no cerebro.

Os resultados anulan as teorías anteriores que postulaban que as persoas con síndrome de enclaustramiento completo carecen de pensamento dirixido ás metas necesarias para usar unha interface cerebro-ordenador e, por tanto, son incapaces de comunicarse.

Realizáronse extensas investigacións en catro pacientes con esclerose lateral amiotrófica, tamén coñecida como enfermidade de Lou Gehrig, unha patoloxía progresiva das neuronas motoras que conduce á destrución completa da parte do sistema nervioso responsable do movemento.

Os investigadores fixéronlles preguntas persoais con respostas coñecidas e preguntas abertas que necesitaban respostas de "si" ou "non", como: "¿O nome do seu esposo é Joachim?" e "¿Es feliz?". Desta forma, atoparon que as preguntas suscitaban respostas correctas no 70 por cento dos ensaios.

 

Felicidade, un estado común nos pacientes analizados

O profesor Birbaumer explica: "Os sorprendentes resultados anularon a miña propia teoría de que as persoas con síndrome de enclaustramento completo non son capaces de comunicarse. Atopámonos que os catro pacientes que analizamos puideron responder as preguntas persoais que lles fixemos, utilizando só os seus pensamentos. Se podemos replicar este estudo en máis pacientes, creo que poderiamos restaurar a comunicación útil nos estados de enclaustramento total para as persoas con enfermidades das neuronas motoras".

A pregunta "¿Es feliz?" levou a unha resposta consistente de "si" por parte das catro persoas, repetida ao longo de semanas de cuestionarios. "Ao principio, sorprendéronnos as respostas positivas cando preguntamos aos catro pacientes totalmente enclaustrados acerca da súa calidade de vida. Os catro aceptaran a ventilación artificial para manterse con vida, cando a respiración se volveu imposible; o que supón, dalgunha forma, que elixiran vivir", subliña o profesor Birbaumer.

"O que observamos foi que a condición de que recibisen un coidado satisfactorio no fogar, sentían que a súa calidade de vida era aceptable. Por iso, se puidésemos facer esta técnica amplamente dispoñible clinicamente, podería ter un enorme impacto na vida cotiá das persoas con síndrome de enclaustramento total", expón este investigador. Nun caso, unha familia solicitou que os científicos lle preguntasen a un dos participantes se estaría de acordo en que a súa filla casase co seu noivo 'Mario'. A resposta foi "non" en nove de cada dez veces que se lle expuxo.

O profesor John Donoghue, director do Wyss Center, sinala: "Restaurar a comunicación para os pacientes con síndrome de enclaustramiento total é un primeiro paso crucial no reto de recuperar o movemento. O Wyss Center planea basearse nos resultados deste traballo para desenvolver tecnoloxía clinicamente útil que estará dispoñible para as persoas con parálise resultante da ELA, accidente cerebrovascular ou lesión da medula espinal. A tecnoloxía usada no estudo tamén ten aplicacións máis amplas que cremos que poderían desenvolverse máis para tratar e controlar ás persoas cunha ampla gama de trastornos neurolóxicos".

A interface cerebro-ordenador do estudo utilizou espectroscopia do infravermello próximo combinada con electroencefalografía (EEG) para medir a osixenación do sangue e a actividade eléctrica no cerebro. Mentres que outras interfaces cerebro-ordenador permitiron previamente que algúns pacientes paralizados se comunicaran, a espectroscopia do infravermello próximo é, ata agora, o único enfoque exitoso para restablecer a comunicación con pacientes que sofren de síndrome de enclaustramento total.

02/02/201709:41
Gita.
Santiago de Compostela

¿Un carriño da compra autónomo?

  • Ir á compra con muletas, ata agora, parecía misión case imposible. É só un dos exemplos de accións complicadas coas que Piaggio, o grupo italiano da lendaria marca de motos Vespa, quere acabar.

Piaggio desenvolveu un carriño da compra co que non haberá que cargar, un carriño que deixa libres as mans para outros usos: usar o teléfono, as muletas, o paraugas. Non haberá que empuxalo nin tirar del, xa que nos persegue coa compra no seu interior.

Ir á compra con muletas, ata agora, parecía misión case imposible. É só un dos exemplos de accións complicadas coas que Piaggio, o grupo italiano da lendaria marca de motos Vespa, quere acabar.

Gita, como o denominaron, é un pequeno transporte autónomo de mercadorías que nos aforrará o labor de tirar ou empuxar o carriño. É un robot que mide uns 66 centímetros e utiliza dúas grandes rodas para desprazarse. Na parte superior conta cunha comporta pola que se pode introducir a compra que fagamos. O robot de Piaggio pode cargar ata con 18 quilos e desprazarase grazas a sensores e cámaras incorporados, cunha velocidade máxima de 35 quilómetros por hora.

A marca organizará un evento en Boston o próximo 2 de febreiro onde presentará o robot autónomo con máis detalle. “Pense no diferente que se movería se as súas mans estivesen libres”, explica a marca na páxina do robot.

“Gita é un vehículo de carga intelixente e áxil deseñado coa mesma atención á seguridade, o freado, o equilibrio e a dinámica que vostede esperaría nunha motocicleta de alto rendemento”, engade. Polo momento, para coñecer máis sobre Gita, Piaggio lanzou algúns vídeos e imaxes nos que se pode ver en acción.

02/02/201708:15
Mulleres TIC.
Santiago de Compostela

Estudantes do IES de Brión chegan á final do prestixioso concurso Wisibilízalas

Os nosos centros educativos seguen sumando éxitos en materia de innovación, enxeños e tecnoloxías. Se primeiro se falaba do recoñecemento obtido polo CEIP Laredo (da man da Fundación El Bulli e a Fundación Telefónica), agora é a quenda de salientar os importantes logros obtidos polo IES de Brión, cuxa equipa Brión 2 resultou finalista no concurso Wisibilízalas da Universitat Pompeu-Fabra, xunto con outros tres equipos de colexios e institutos de todo o ámbito estatal. O certame, como o seu propio nome indica, foi convocado co obxectivo de “dar visibilidade ás mulleres que traballan no ámbito das TIC e potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”. O Concello de Brión xa felicitou aos alumnos do IES que conseguiron chegar á final do concurso, cuxa resolución coñecerase o domingo 11 de febreiro na Universitat Pompeu Fabra.

O concurso, máis polo miúdo, consistía na creación dunha páxina web que describise a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballen no ámbito das novas tecnoloxías da información. O equipo brionés, composto por alumnado de TIC de primeiro curso de Bacharelato e de Educación Plástica, Visual e Audiovisual de cuarto da ESO, achegou dúas propostas: Mulleres tecnolóxicas e Mulleres TIC.

A representante do Concello encargada de felicitar aos estudantes foi a concelleira de Ensino, Yolanda Bouzas, quen tamén parabenizou ao profesorado do IES de Brión, “e non só por este este meritorio premio a nivel nacional, senón pola traxectoria que levan nos últimos meses acadando múltiples galardóns que demostran o gran nivel educativo que ten o noso instituto”. Ao fío disto, lembrou que hai uns días outros alumnos de segundo de Bacharelato foi premiado no concurso Na procura do talento dixital, organizado por Dico Summit 2017.

Mulleres tecnolóxicas é un proxecto colaborativo que busca coñecer e divulgar a mulleres contemporáneas españolas que son un referente nas TIC: Arantza Illarramendi Echave, Amparo Alonso Betanzos, Asunción Gómez Pérez, Lucía Chávarri Padilla, Marta Ibáñez Nobell e Nuria Oliver.

Pola súa banda, Mulleres TIC recolle as figuras de Belén Masía, Begoña García, Rosa Monge, Sabela Ramos e Clara Bayarri.

Segundo nos lembra o Concello de Brión, ámbalas páxinas son o produto dun proxecto interdisciplinar con alumnado de diferentes niveis que “pretende visualizar ás mulleres nas TIC”, enmarcado no programa Rapazas emprendedoras nas TIC do Plan Proxecta.

Canda o IES de Brión, tamén foron seleccionados como finalistas os equipos Alceda people, do IES Vega de Torzanzo (Alceda - Cantabria); Wisibigors, do IES Gorgs (Cerdanyola del Vallés – Barcelona); e MaristasAlicante2, do Sagrado Corazón HH. Maristas (Alacante). O vindeiro 11 de febreiro, coincidindo coa conmemoración do Día da Muller e da Nena na Ciencia, terá lugar a entrega de premios na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona.

02/02/201708:06
Pantallazo da aplicación.
Santiago de Compostela

Os centros educativos achegarán unha ferramenta móbil para facilitar a admisión de escolares

Cultura e Educación avanzou onte detalles da ferramenta móbil específica para os nosos centros educativos sostidos con fondos públicos e orientada a permitir e facilitar o procedemento de admisión de alumnado. A través dela, as nais e pais que o desexen poderán cumprimentar e presentar as solicitudes para escolarizar aos seus fillos e fillas. Con esta aplicación, o departamento da Xunta quere garantir “o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial”. A nova orde pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de onte.

O obxectivo desta nova ferramenta é “facilitar o procedemento de admisión tanto ás familias como aos centros de ensino”, e abranguendo xa o proceso ordinario que se inicia o 1 de marzo para o vindeiro curso.

Nun plano máis concreto, Admisionalumnado, que é o nome da ferramenta, vai posibilitar que as familias cubran a solicitude e marquen os criterios do baremo que queiran que lles valoren. Por outra banda, poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor asinante.

A aplicación atinxiría a familias con nenas e nenos en Educación Infantil, Primaria, Ensinanza Secundaria Obrigatoria e Bacharelato.

No que respecta ás vantaxes para os centros de ensino, estes poderán xestionar e tramitar as solicitudes directamente a través da aplicación, “o que suporá simplificar a xestión administrativa que teñen que desenvolver no proceso”, sinala Educación.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS