main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/03/201813:31
Amigus Labs 18.2.
Pontedeume

A xornada 18.2 dos Amigus Labs das Pontes volveu poñer o foco no potencial Maker

O Lar de Endesa acolleu esta fin de semana unha nova xornada e divulgación ao abeiro das Fab Lab das Pontes, organizadas pola asociación local Amigus. Nesta nova cita, novamente, argalleiros de todas as idades interactuaron arredor dalgunhas das tecnoloxías específicas máis decididamente Maker. Cousas como impresoras en 3D, placas de hardware e software libre (Arduino e Raspberry Pi) ou ferramentas como por exemplo Tinkercard, que un software de balde creador por Autodesk (referente en programas para deseñar en 3D) co obxectivo de ser empregado ao máximo por profesionais do eido pero tamén por seareiros, educadores e crianzas. Na cita desta finde no Lar de Endesa, Tinkercard foi empregado para deseñar primeiros prototipos de xoguetes e trebellos. 

Segundo nos conta a organización, a ultima hora da maña máis de 50 rapaces e rapazas dos equipos de rugby dos clubs Fendetestas, Rugby Ferrol e Muralla Rugby Club de Lugo, visitaron o Fab Lab, interesándose polas posibilidades e funcionamento das impresoras 3D, o uso do Arduino e Raspberry Pi nos proxectos que se realizan ao abeiro dos Amigus Labs, e as posibilidades de transferencia aos seus proxectos persoais.
Ademais, a arcade coas recreativas feitas en anteriores Amigus Labs volveu a ter a visita de curiosos e xogadores cos clásicos de 8 e 16 bits.

Xa pola tarde os participantes puxéronse “ao choio” co proxecto colectivo de dar forma definitiva a unha fresadora (proxecto iniciado nas xeiras de traballo previas), mellorando a súa estrutura e avanzando na súa consecución. Ademais, completáronse os proxectos de reloxos dixitais que estaban en desenvolvemento, probáronse distintos tipos de estruturas para caixas LED e puxéronse en riba da mesa diferentes propostas para o deseño dunha cúpula xeodésica.

Desde Amigus Labs agradecen a participación e implicación das seguintes entidades: Concello das Pontes, COHEMPO, ENDESA, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital, Triade, Severiano Agrocomercial, Escourido Asociados, Clip Carbono, Ferretería Marcos, Lujo, Matojoma, You can school of English, Fitter, Pontesa Marmoles y granitos, Desguaces Vilabella, Óptica Carmela, Galiorient, Servicio Móvil, Areco, Panadería San José, Fotografía Fabian, Don Dino, CONPLC, IcoEume, Preludio Musical, Arprosa, Radio Eter e ao Grupo de Empresa de Endesa.

06/03/201808:43
Cartel do evento.
Ourense

A Biblioteca de Ourense celebra o día 10 un Wikimaratón para encher de mulleres a Galipedia

A Biblioteca Pública de Ourense será o epicentro das celebracións previstas para conmemorar o 10 de marzo os quince anos da Wikipedia en galego, a Galipedia. Entre outras cousas, a biblioteca vai acoller un Wikimaratón colectivo dirixido a festexar dúas cousas moi complementarias: por unha banda os tres lustros de vida da enciclopedia libre e dixital galega e, por outra banda, o importante papel que as mulleres despregaron, despregan e despegarán a prol do coñecemento científico, tecnolóxico e cultural. A actividade, enmarcada no programa do Día da Muller, está aberta a toda a cidadanía e, en palabras da comunidade da Galipedia e do Concello de Ourense, quere “pór en valor a figura de mulleres destacadas en diferentes ámbitos que non teñen a merecida referencia na enciclopedia galega en liña”.

Segundo fixo saber na presentación da iniciativa o alcalde ourensán, Xesús Vázquez, “a historia é a que se escrebe, e hai moitas mulleres en perigo de caer no esquecemento sen ninguén que escriba sobre elas; polo tanto parécenos un acto de xustiza social e un paso moi importante para o futuro deste país”, dixo. Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Sofía Godoy, lembrou que “hoxe en día, só hai referencias de 52 mulleres galegas na Galipedia, e delas só 5 son de Ourense”. Ademais, a concelleira de Educación, Belén Iglesias, recordou que “o labor preventivo da escola ten moito que dicir no traballo pola igualdade”.Na presentación tamén se fixo saber que a Biblioteca Pública porá ao servizo de todas as persoas que queiran anotarse ao Wikimaratón equipos informáticos e fondos bibliográficos, pero sobre todo a súa “vocación de colaborar coas iniciativas veciñais”, aseguraba Rosa Díaz Naya, directora do espazo público. Desde as 10.30 horas, todas as persoas que se queiran apuntar á edición da Galipedia poderán presentarse na propia Biblioteca (rúa Concello 11) “ou facelo a través das súas casas”, apuntaba Adrián Estévez, representante da enciclopedia, para encher a biografía das mulleres propostas (Obdulia Díaz, as irmás Touza, Olimpia Valencia ou Carmen Gurriarán) ou realizar as súas propias achegas. “Só hai que anotarse na Galipedia para poder editar e seguir as indicacións descritas no propio espazo web”, engadiu Adrián Estévez. 

Quince históricos anos de vida 
O mes de marzo de 2003, concretamente o día 8, nacía un dos grandes proxectos web da nosa terra, con toda probabilidade un dos máis importantes pola súa utilidade no subministro de coñecemento, e tamén, pola reivindicación do galego como unha lingua válida, viva e plenamente afianzada na era da Internet. Estamos a falar da Galipedia, a Wikipedia en galego, que está xa mergullada na celebración dos seus quince anos de historia, tres lustros de traballo incansable a prol do coñecemento sen cancela de milleiros de voluntarias e voluntarios, que foron quen de facer medrar a Galipedia e de dar azos ao galego na Internet. Segundo nos lembra a comunidade do proxecto, a enciclopedia dixital en galego segue viva e con devezos de continuar medrando. 
A día de hoxe, a Galipedia foi quen de mellorar a calidade das súas entradas e de chegar ao posto número 14 na lista de wikipedias por mostra de artigos, cando no 2013 estaba na posición 22, sobre un total de máis de 280 linguas.

No balance de cifras tamén cómpre salientar os case 150.000 artigos acadados, entre os que se contan máis de 150 de gran calidade (que son os que a comunidade etiquetou como as melloras achegas e entre os que se inclúen traducións de entradas da Wikipedia e artigos de colleita propia, abordando temáticas variadas: historia, artes, xeográfica, bioloxía, medicina ou ciencias exactas). Os impulsores da Galipedia, no seu ollar cara atrás (que é o complemento ideal para a práctica de ollar cara adiante, cara ao futuro), engaden que dun tempo a esta parte e co obxectivo de reparar a discriminación masculina perpetuada en décadas e séculos de xeración de coñecemento, están a darlles meirande visibilidade ás mulleres, “tentando reducir a fenda de xénero existente neste tipo de artigos entre as biografías de homes e de mulleres”.

06/03/201808:35
Multitasking Cubes.
Ourense

Investigadores do Campus de Ourense desenvolven unha ferramenta para rehabilitación cognitiva

O grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración da ESEI de Ourense vén de presentar unha ferramenta web de uso clínico para favorecer a rehabilitación cognitiva de pacientes con dano cerebral, adiccións, doenzas neurodexenerativas ou deterioro das capacidades. Trátase de Multitasking Cubes, un software libre cuxo desenvolvemento estivo liderado polo profesor Miguel Reboiro, contando cun equipo desenvolvedor constituído por Rosalía Laza, Reyes Pavón e Hugo López. Segundo explica o profesor Miguel Reboiro “este proxecto pretendeu desenvolver unha ferramenta que permitise estimular e avaliar o rendemento dos pacientes, fomentando a actividade cerebral como un mecanismo xerador de reserva cognitiva”. 

Para facelo optouse polo programa Memodado, que se caracteriza por empregar un formato de xogo de mesa e dados para acadar obxectivos. “A idea do proxecto naceu a proposta de Adolfo Piñón, Francisco Otero e Adrián Varela, que buscaban avanzar no proxecto de levar á web Memodado despois de ter feito un primeiro prototipo", indica Miguel Reboiro, engadindo que a realización de Multitasking Cubes artellouse en cinco subproxectos. En primeiro lugar, creouse unha aplicación web para os pacientes, na que poden realizar as sesións asignadas polos terapeutas, e tamén unha aplicación web para os administradores, directores de centros e terapeutas, que poden usar para xestionar a información do sistema, incluíndo a creación de sesións de xogos, a asignación das sesións e o seguimento dos pacientes por parte dos terapeutas. En terceiro lugar, hai unha biblioteca independente da aplicación dos xogos que permite a súa integración noutras ferramentas e, a maiores, habilitouse unha aplicación na que se poden probar os xogos do proxecto de forma rápida ou usalos de xeito libre, sen necesidade de utilizar o resto de recursos da plataforma. En quinto lugar figura un subproxecto que abrangue a xestión do almacenamento da información da aplicación. Estas cinco ferramentas foron xa publicadas en repositorios públicos baixo unha licencia de software libre GPLv3.

Segundo explica o grupo de investigadores, en cada sesión o paciente afronta nunha serie de tarefas ou exercicios a realizar que o terapeuta pode configurar cuns parámetros, tales como tempo máximo, nivel de dificultade ou número de intentos posibles. As tarefas seleccionadas e propostas para ser utilizadas no Multitasking Cubes “son algunhas das utilizadas con meirande frecuencia nos estudos da memoria nos últimos anos, como trigramas, paradigma de pares asociados, procesos de recuperación da información por recordo e recoñecemento e span atencional”, engaden.

05/03/201812:56
Un home cego no interior dun museo.
Santiago de Compostela

Solucións avanzadas de wi-fi para facilitar a mobilidade en interiores

Unha das grandes contas pendentes para a mobilidade de persoas con discapacidade visual é o guiado en interiores, xa que os sistemas de guiado habituais como o GPS deixan de ser útiles e é necesario un modelo máis avanzado.

Unha das solucións é a utilización doutro tipo de sinais como o wi-fi ou o bluetooth que levan incorporados os smartphones.

Así o fixo unha compañía española, chamada Air-Fi, co seu produto Air-Go que utiliza unha tecnoloxía híbrida entre os sinais GPS, wi-fi, bluetooth e sensores de movemento MEMS.

Esta solución de localización en interiores permite ofrecer moitas características para os visitantes destas grandes superficies como guías e ferramentas de comunicación, descontos en función da súa posición ou servizos de entretemento baseados na localización.

Con todo, os responsables da compañía, cos que estivemos a falar durante o Mobile World Congress de Barcelona, explicáronnos que unha das posibles aplicacións é a de axudar ao guiado de persoas cegas.

Bastaría con que o usuario apunte ao establecemento ao que quere ir e o sistema iríao guiando mentres camiña polo interior. A tecnoloxía para permitir isto xa está dispoñible con este produto, só fai falta que as grandes superficies o demanden.

05/03/201812:53
Entrada ao Mobile World Congress de Barcelona na súa edición de 2018.
Barcelona

O impacto social da tecnoloxía, clave na presente edición do MWC

  • O 5G, o coche autónomo e o conectado e a realidade virtual acapararon a atención

 

A presente edición do Mobile World Congress deixou claro o "grande poder de convocatoria" da principal feira móbil, "o impacto social da tecnoloxía" e "o importante peso específico da feira para xuntar tecnoloxía de ideas, talento e negocio", que no caso do centro tecnolóxico Eurecat xa se traduciu no peche de vendas por parte das empresas que estiveron presentes na súa caseta.

Así o explica o director xeral de Negocio de Eurecat, Miquel Rey, que considera que a evolución que impulsou o Internet das Cousas, a analítica de grandes volumes de datos e a ciberseguridade, xunto con innovacións como a electrónica impresa e a integración da sensórica permitiron "dotar de intelixencia aos obxectos" e deseñar produtos que "toquen de pés no chan e onde se entende facilmente para que serven".

O responsable do centro Tecnio resalta tamén "o efecto que tivo este ano o MWC no posicionamento do centro en proxectos de anticipación tecnolóxica coas empresas de referencia que expuxeron.

Neste sentido, a responsable de Desenvolvemento de Negocio TIC de Eurecat, Gemma Batlle, remarca que a tecnoloxía presentada polo centro tecnolóxico na feira "comparte os obxectivos da presente edición do certame", que se centra na innovación social e o papel da tecnoloxía como transformadora da sociedade.

En palabras da experta, actualmente "xa non se fala tanto de tecnoloxía, que se dá por suposta, senón do seu impacto social". Neste sentido, apunta, "o debate pasa por como ir máis aló da tecnoloxía e facela chegar a todo o mundo".

Nesta liña, Batlle engade que as innovacións presentadas por Eurecat no MWC "reforzan a posición do centro tecnolóxico no ámbito da 'eSaúde' e a innovación aplicada aos hábitos saudables", aínda que o centro tamén levou ao principal congreso de tecnoloxía móbil a súa experiencia en tecnoloxía big data, de tecidos funcionais ou robótica, entre outros.

"O Mobile World Congress deste ano non nos decepcionou pola variedade e o tipo de tecnoloxía que estiveron presentes", xa que "máis aló da grande cantidade de avances esperados en deseño e prestacións dos dispositivos móbiles, como as melloras en cámaras, pantallas, son, seguridade e autonomía, destacaron aplicacións e produtos onde o móbil é un actor importante, pero non o principal", subliña a directora científica de Tecnoloxías Dixitais de Eurecat, Eugenia Fuenmayor.

Neste sentido, "as tres grandes vedettes deste congreso, tanto pola súa presenza no congreso como pola atracción que xeraron entre o público foron, nesta orde, o 5G, o coche autónomo e o conectado e a realidade virtual", especifica Fuenmayor.

Polo lado do hardware 5G, presentáronse antenas, módems, dispositivos móbiles e PC mentres que, polo lado das aplicacións, estiveron presentes unha gran cantidade de produtos e servizos en automoción, robótica, Internet das Cousas (IoT) e outros, que xa teñen en conta a tecnoloxía.

Outras tecnoloxías interesantes que destacaron foron a analítica de datos e o Internet das Cousas cos seus principais compoñentes: sensores (wearables, domésticos e industriais, entre outros), infraestruturas, solucións cloud e micro-cloud, ciberseguridade, intelixencia artificial e analítica de datos.

O pavillón 8 do MWC estivo dedicado a tecnoloxías en desenvolvemento un pouco máis distantes do mercado, pero con prototipos funcionando, onde se puideron ver robots humanizados, drons e unha variedade de probas de concepto usando o grafeno, desenvolvidas por varias institucións europeas coa axuda da UE.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS