Medicamento Accesible Plus é unha aplicación gratuíta desenvolvida para Android e iOS, recentemente actualizada, que ofrece unha versión accesible de información análoga á dos prospectos dos medicamentos para garantir que os pacientes accedan e comprendan o seu contido independentemente das súas capacidades.
A información que prové procede de Bot Plus, a base de datos do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos de España. Os usuarios poden acceder a ela mediante unha captura do código de barras que aparece no empaquetado do medicamento, facendo unha procura por nome ou por código de medicamento. A aplicación incorpora un sistema de recoñecemento que permite facer procuras mediante comandos de voz así como un asistente de lectura.
Recentemente, lanzouse unha nova versión actualizada que, ademais de incluír un novo deseño, integra un sistema de alertas que se activa cando se detecta algunha incompatibilidade entre o medicamento e o perfil do usuario como podería ser unha alerxia ou unha intolerancia.