O 17 de marzo de 2017, na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, terá lugar o primeiro Legalthinking.
Que é Legalthinking? Trátase dunha xornada innovadora dedicada a analizar as conexións existentes entre o Dereito e a tecnoloxía, e a explorar os seus límites a través das reflexións de varios profesionais. A desinformación sobre as implicacións legais do mundo 2.0 nas nosas vidas, persoais e profesionais, supón un risco que debemos poder controlar.
Dende #Legalthinking pensan que coñecer estas cuestións nunha sociedade hiperconectada, como a que agarda por nós no futuro, pode axudarnos a tomar decisións como sociedade responsable, e nesta primeira xornada queda materializada a nosa contribución.
O primeiro bloque estará centrado no Dereito do futuro. Intervirán os creadores de NoLegalTech falando das Apps imprescindibles e das condicións que as grandes plataformas teñen para a súa comercialización. Aquí analizaranse e contestaranse ás dúbidas que sempre xorden entre creadores e usuarios. A continuación Hugo Pastoriza encargarase da regulación dos eSports e dos retos que se presentan neste novo xeito de competir, que veu collendo pulo entre os internautas nos últimos tempos. Analizaranse tamén os límites da patria potestade e dos dereitos de imaxe dos menores, no eido da privacidade, con Alicia Piña, de ALIGALE, e antes da pausa botarase un ollo á tecnoloxía Blockchain e á creación de smart contracts da man de Iago Otero, que segundo as súas propias palabras nin son smart nin son contracts, pero si as ferramentas do futuro para a automatización de determinados servizos.
Continuará Xoán González explicando os sistemas de recoñecemento biométrico e a sinatura electrónica, que foi converténdose en algo relevante nas nosas relacións comerciais e sobre todo administrativas, dende a súa implantación nos organismos públicos. Luis Jurado fará un repaso sobre o tratamento de bugs e exploits neste ano de vixencia da nova LACRIM e rematará José María Lozoya comentando a recente sentenza contra Cesar Strawberry e os límites da liberdade de expresión nas redes sociais.
No segundo bloque sentaranse os expertos en Robótica e Intelixencia Artificial. André Castelo centrará a súa intervención na regulación para o uso de drons, mentres que Victor Salgado ofrecerá unha retrospectiva sobre os Dereitos Humanos ante o avance da intelixencia artificial. Rematarán coas reflexións de Miguel Vieito sobre responsabilidade e “robética”, tentando contestar á pregunta que centra o debate: chegarán as máquinas algún día a ser responsables dos seus actos?
A asistencia será gratuíta, ata completar aforo. Máis información sobre o evento en lgthinkers@gmail.com.