main content

main content
29/06/202208:06
Home traxeado sentado usando un smartphone.
Santiago de Compostela

As empresas de Galicia están entre as que más utilizan en España tecnoloxías como internet das cousas ou intelixencia artificial

  • O uso da Intelixencia Artificial das empresas de 10 ou máis persoas empregadas acada o 10,2%, e supera a media estatal (8,3%) en case dous puntos porcentuais
  • Máis do 21% das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora Intelixencia artificial aos seus produtos ou servizos
  • O 26,4% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas de Galicia emprega IoT

O uso das tecnoloxías disruptivas, como o Internet das Cousas ou a Intelixencia Artificial, por parte das empresas de Galicia supera a media estatal, segundo destaca o informe “Galicia Dixital. Tecnoloxías disruptivas nas empresas”. Este traballo vén de ser publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Trátase do primeiro estudo que analiza e revisa a situación actual das principais tecnoloxías disruptivas no tecido empresarial galego, con especial foco no sector TIC. O obxectivo principal desta análise é identificar o grao de adopción da Intelixencia Artificial, aprendizaxe automático a través do Big Data, Chatbots, Cloud computing, etc.

Este informe está enmarcado dentro dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030), que inclúe entre os seus obxectivos, o impulso ás capacidades e infraestruturas dixitais en tecnoloxías disruptivas.

Intelixencia Artificial

As tendencias tecnolóxicas prevén un crecemento significativo da Intelixencia Artificial coa creación de ecosisistemas nos que, grazas aos datos compilados de dispositivos, que actúan como sensores, o mundo virtual interactúe con obxectos físicos. A súas aplicacións son múltiples: sanidade, educación, agricultura, transporte, fabricación, enerxía.

No 2021, o 7,6% das microempresas galegas utilizan Intelixencia Artificial, superando en 4 puntos porcentuais a media estatal (3,5%). No caso das empresas de 10 ou máis persoas empregadas, a porcentaxe sitúase no 10,2%, superando tamén a media estatal (8,3%).

Máis do 21% das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Intelixencia artificial. O 16,6% das empresas TIC emprega a realidade virtual e o 13,8% a Impresión 3D.

A avaliación destes indicadores realízase a partir dos datos da Enquisa a Empresas TIC que realiza o propio OSIMGA e dos indicadores da Enquisa sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas do INE, no marco do convenio de colaboración entre Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Internet das Cousas (IoT)

O Internet das Cousas (IoT) configúrase como unha tendencia tecnolóxica para acelerar o desenvolvemento e implantación de solucións que dean resposta aos novos retos da sociedade, permitindo conectar elementos físicos cotiás a Internet. Deste xeito, estes dispositivos interconectados poden ser monitorizados ou controlados a través de internet ou servir como instrumentos para recollida de información. Pode aplicarse a dispositivos comúns de control de enerxía, seguridade e mobilidade ou a elementos para atención e control da saúde, da produción, da calidade e a trazabilidade de produtos e procesos.

O 26,4% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas con sede e/ou actividade en Galicia emprega dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de Internet (o Internet das cousas). Nas microempresas o uso desta tecnoloxía acada o 9,1% e supera a media estatal (8,1%).

No caso das empresas TIC galegas, o IoT é a tecnoloxía disruptiva con máis presenza neste sector empresarial (34,2%). Entre as empresas TIC que empregan IoT, os sensores, etiquetas RFID ou IP, cámaras para a mellora do servizo (54,2%) e os medidores, lámpadas, e termóstatos intelixentes (50,2%) son os sistemas ou dispositivos máis frecuentes.

Big Data

O Big Data é outra das tecnoloxías disruptivas analizadas neste informe que está a impulsar e xerar profundos cambios sociais e económicos así como novas oportunidades e modelos de negocio.

No 2021 increméntase a porcentaxe de empresas galegas que analizan Big Data. O maior incremento rexístrase entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados/as, onde a análise de Big Data sitúase no 13,8%, 2,7 puntos máis que a media estatal.

Esta porcentaxe elévase ata o 22,5% entre as empresas TIC galegas. Ademais, entre as empresas TIC que utilizaron Big Data, o 34,4% utilizou o método de aprendizaxe automática ou machine learning.

Cloud Computing, Intelixencia de Negocio, Chatbots e robótica

O Cloud Computing é unha das tecnoloxías disruptivas que máis rapidamente se incorporou á xestión empresarial. No 2021 a compra de servizos de Cloud Computing aumentou nun 66,6% nas empresas de 0 a 9 persoas asalariadas, e acadou o 12,3%, o que supera a media estatal (10,2%). No caso das grandes empresas, unha de cada tres comprou este servizo e o seu crecemento foi do 8,5%.

Cabe salientar que, entre o sector TIC galego, o 28,7% utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Bussiness Inteligence e o 24,2% emprega Chatbots, experimentando este último indicador un crecemento relativo do 44,9% pasando do 16,7% que acadou no 2020 ao 24,2% no 2021. A utilización de Robótica nas empresas TIC galegas aínda é incipiente. Só o 8,8% das mesmas utiliza robots, das cales o 62,9% utiliza robots industriais.

Os resultados detallados do informe “Galicia dixital. Tecnoloxías disruptivas nas empresas de Galicia” poden ser consultados en www.osimga.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS