O Día da internet Segura, "Safer Internet Day" (SID, polas súas siglas en inglés) é un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea, que se celebra cada mes de febreiro co obxectivo de promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, especialmente entre os nenos e os novos. O SID celébrase o segundo día da segunda semana do segundo mes do ano e reúne a millóns de persoas de todo o mundo para impulsar cambios positivos e concienciar acerca da seguridade na internet, organizando distintos eventos e actividades.
Este día non só pretende a creación dunha Internet máis segura, senón unha Internet mellor, para convertela nun espazo no que todos fagamos uso da tecnoloxía de maneira responsable, respectuosa, crítica e creativa. O SID diríxese a nenos e novos, pais e titores, profesores, educadores e traballadores sociais, así como ás empresas e responsables políticos, animándoos a participar de forma activa na creación dunha Internet mellor.