O programa de adestramento tecnolóxico para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, o programa SmartPEME, volve este mes de outubro co seu achegamento pormenorizado á realidade da dixitalización. A comarca de Vigo acolle este mes de outubro 21 accións formativas do programa, ou sexa, nas sedes de Vigo, Ponteareas e O Porriño. As inscricións nos devanditos obradoiros (sete en cada sede) pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. As quendas para o mes de outubro na oficina de Vigo comezan este xoves, 4 de outubro, ás 19 h con Aprende a usar correctamente Facebook para empresas. A seguinte acción será Mellora a túa páxina web e posiciónaa en buscadores, o martes 9 ás 18 h. O curso Estratexias de marketing para a túa empresa turística chegará a Vigo o martes 16 ás 19 h. O seguinte xoves 18 de outubro, ás 19 h, impartirase Escolle o hosting máis axeitado para as túas necesidades. O xoves 25 de outubro, á mesma hora, será a quenda de Como vender os teus produtos nun marketplace. O martes, 30 de outubro á mesma hora, celebrarase a acción Guía de boas prácticas para redes sociais. E, para rematar, Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais terá lugar o mércores 31 de outubro, ás 17 h. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, nº 3.
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: Escolle o hosting máis axeitado para as túas necesidades, este xoves 4 ás 19 h. O martes 9 de outubro, ás 18 h, terá lugarCrea e explota un CRM para a túa empresa desde cero. O xoves desa mesma semana, ás 19 h, impartirase 10 puntos clave SEO para a túa web. A seguinte será Facebook para promover o teu negocio turístico, o xoves 18 á mesma hora. A quenda de Fotografía de produto, especial sector téxtil será o martes 23 de outubro, tamén as 19 h. Por outra banda, o xoves desa mesma semana á mesma hora, terá lugar o obradoiro Como vender os teus produtos no marketplace. E, xa por último, o martes 30, ás 17 h, Comercializa os teus servizos a través das redes sociais será a acción que impartirá o persoal do programa, esta vez na sede da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS). A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o martes, 9 de outubro, ás 18 h. O xoves 11, ás 17 h, impartirase Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais. A acción Mellora a túa presenza online promovendo o teu blog terá lugar o martes 16 de outubro, ás 19:00 horas. O martes 23, á mesma hora, será a quenda de Como vender os teus produtos nun market places. O xoves desa mesma semana, tamén ás 19 h, impartirase o curso Linkedin: a túa rede de networking. E, por último, o martes 30 de outubro á mesma hora terá lugar Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.