Se hai algunha época do ano especialmente axeitada para “camiñar” Galicia, esta época é o verán. Dispáranse os servizos para viaxeiros, dispárase o número de xente que se bota ao camiño e dispáranse as horas nas que poden estar ao aire libre sen ser vítimas das inclemencias do clima. Dun tempo a esta parte estanse a consolidar ferramentas que manteñen informados aos excursionistas dos principais puntos turísticos das contornas nas que se moven. De maneira paralela, dispárase o uso de ferramentas para a súa seguridade. Unha das máis empregadas é Alpify, aplicación destinada a facilitar a localización de persoas que se atopen en situacións de emerxencia. A ferramenta, para que non o saiba, está integrada dende 2015 no Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, tanto para teléfonos Android como iOS.
A app Alpify salienta por botar man das novas tecnoloxías de localización e información para facer o máis efectiva posible a tarefa de busca dunha persoa que estea extraviada, entre outras funcións relacionadas co salvamento e coas emerxencias. En 2016, a comunidade galega de usuarios desta aplicación era de 24.821 persoas. Entre as accións recentes nas que tivo protagonismo atópase o achado dun motorista accidentado na Pobra do Caramiñal, nun vieiro de montaña da serra do Barbanza.
Respecto da súa operatividade, é de doado manexo e para empregala abonda que premamos o botón vermello de emerxencia para que o sistema unha alerta ao 112. A continuación, os traballadores do servizo reciben o aviso ao tempo que os datos sobre o emprazamento exacto dende o que foi subministrado aquel, “sexa en zonas urbanas ou de montaña”. Alpify funciona coma unha radiobaliza e permite ao usuario estar emprazado xeograficamente en todo intre polo 112 ou polo servizo de emerxencia que estea conectado á aplicación, comentan dende Barcelona os creadores da app: os integrantes da firma Grup Basera. Alpify opera con cobertura a Internet, pero se non se dispoñemos dela é quen de enviar un sinal por SMS. Así, no caso de perder a cobertura do móbil, a aplicación envía unha mensaxe de texto ao 112 e ao mesmo tempo sitúa a emerxencia para o centro coordinador cun rango de erro de entre 3 e 10 metros.