- Máis de 1.200 alumnos con discapacidade intelectual de toda España recibirán formación en novas tecnoloxías para facilitar a súa inserción laboral
- A realidade virtual incorpórase este ano como prato forte ao programa para facilitar a formación en contornas máis reais de emprego
- DOWN ESPAÑA comprométese a conseguir contratos de traballo en empresas ordinarias para o 30% dos mozos que participen no programa
Esta mañá arrincou en Murcia a quinta edición do programa "Yo me prep@ro", un proxecto de DOWN ESPAÑA e a Fundación Vodafone España que incorpora por primeira vez a realidade virtual como ferramenta para mellorar o acceso ao emprego das persoas con síndrome de Down.
"Yo me prep@ro" é o programa máis completo e de maior alcance que hai no noso país para a formación en novas tecnoloxías da información de mozos e adultos con síndrome de Down. O obxectivo que se persegue con esta formación é facilitar a súa inserción laboral en empresas ordinarias e, en definitiva, a súa inclusión social.
No acto participaron Concepción Ruiz, concelleira de Dereitos Sociais e Cooperación ao Desenvolvemento do Concello de Murcia, quen resaltou a importancia deste tipo de programas xa que "a formación é un alicerce fundamental para acceder con garantías ao mercado laboral".
Pola súa banda, Verónica López, directora xerente do IMAS (Instituto Murciano de Acción Social), felicitou a DOWN ESPAÑA polo seu traballo e asegurou que desde as institucións rexionais "seguiranse apoiando estas iniciativas, tan necesarias para o tecido asociativo". Neste sentido, Diego González, membro da Xunta Directiva de DOWN ESPAÑA, afirmou que "as novas tecnoloxías son, hoxe en día, ferramenta indispensable para o acceso ao mundo laboral".
Mari Satur Torre, directora xeral da Fundación Vodafone España, destacou que "os nosos esforzos deben estar centrados en mellorar a vida das persoas, especialmente daquelas que teñen máis dificultades. A tecnoloxía será útil só se serve para que os cidadáns poidan participar activamente na sociedade".
Por último, Pedro Martínez, director do programa "Yo me prep@ro", mostrouse "moi orgulloso e satisfeito" do traballo realizado polos alumnos, "que xa demostraron estar capacitados para atopar un posto de traballo".
Todos os invitados ao acto puideron probar diferentes escenarios de realidade virtual a través dunhas lentes coas que recrearon as sensacións que vivirán os alumnos que se incorporan á última edición do programa. E é que, este ano, como novidade,traballarase con escenarios de realidade virtual para facilitar a formación en contornas máis reais de emprego. Algo que sen dúbida facilitará a súa inserción laboral futura. Os mozos coñecerán que é e como se utiliza a realidade virtual, os diferentes tipos que existen e aprenderán a utilizar a realidade virtual inmersiva.
O proxecto alcanzará, nesta quinta edición, o maior número de alumnos con esta discapacidade intelectual nunca implicados nun programa de formación en TIC. Serán 240 persoas con síndrome de Down, quen, no transcurso das 700 horas formativas impartidas no programa, adquirirán coñecementos en aspectos tan importantes como o uso de programas informáticos, a navegación por Internet ou a interacción con diversas aplicacións móbiles.
Os novos participantes sumaranse aos 960 mozos de edicións anteriores que recibirán un reforzo á súa formación, sumando un total de 1202 alumnos que se beneficiarán do programa nesta nova edición.
Como complemento á súa formación, os alumnos terán a oportunidade de realizar prácticas laborais en empresas ordinarias da súa contorna. DOWN ESPAÑA adquiriu o compromiso de lograr a inserción laboral de polo menos 72 dos participantes do proxecto. Sumados aos contratos laborais para alumnos conseguidos nos anos previos, o proxecto "Yo me prep@ro" conseguirá durante os seus cinco anos de execución un total de 367 insercións en empresas ordinarias de todo o país.
Un dos aspectos clave do programa é que nel participarán usuarios dun gran número de comunidades autónomas. Nesta edición a formación impartirase en 19 entidades federadas a DOWN ESPAÑA situadas nas seguintes localidades: Ávila, Castelló, Córdoba, Granada, Xerez, A Rioxa, Málaga, Murcia, Ourense, Palencia, Principado de Asturias, Sabadell, Sevilla, Toledo, Valladolid e Vigo.