O local Lar de Endesa das Pontes acolleu esta pasada finde unha nova xornada dos Amigus Labs, os obradoiros argalleiros da asociación do mesmo nome. Na cita maker deste sábado (a 18.1) participaron máis de medio centenar de creadoras/es tecnolóxicas/os de todas as idades, non só das Pontes senón tamén de Melide, A Coruña, Betanzos, Ferrol, Santiago e Vigo. A cita, como dixemos, foi unha cita para maiores pero tamén para crianzas. De feito, a disposición dos máis pequenos habilitouse un obradoiro de téxtil interactivo, no que puideron deseñar os seus antefaces con vistas ao Entroido, así como un boneco ateigado de luces LED.
Amais disto, houbo un recanto para interactuar con tiras de LED manexadas por microcontroladores e mediante un servidor web con conexión Wi-Fi, e outro espazo para a robótica onde se acabou de dar forma, colectivamente, ao que sería un dos primeiros velocistas dos Amigus Labs, un vehículo miúdo de carreiras habilitado para seguir trazados (liñas) marcados previamente no chan. Na xeira de traballo deste sábado adicouse unha parte do tempo a calibrar o dito vehículo carreiras, mediante a programación da placa Arduino Nano que o controla.
Ademais, achegáronse impresoras 3D, a tempo completo, para que os participantes puideran facer as súas máis variadas creacións, incluídas as dúas pezas que restaban para o remate dunha fresadora CNC.
Por outra banda, exhibíronse varias creacións dos argalleiros de Amigus, desde cúpulas xeodésicas ao prototipado de pezas encargadas por algúns establecementos da localidade e feitas dende o Fab Lab. A zona Arcade coas máquinas recreativas feitas en anteriores obradoiros volveu ter a visita de curiosos e xogadores que puideron familiarizarse cos compoñentes con que foron fabricadas, así como lembrar vellos xogos das recreativas e consolas dos anos 80 e 90.
Dende o Fab Lab de Amigus valoraron o resultado da xornada como “moi positivo”, grazas “aos comentarios dos usuarios e as propostas para vindeiras edicións que esperamos poder facer con maior periodicidade”, sinalaron, engadindo que no futuro tamén agardan emendar “a problemática” de non contaren cun espazo propio, non só para acubillar o material preciso para o traballo, senón tamén para poder achegar o coñecemento amoreado nestes anos con formato apropiado de aula formativa aberta e dispoñible todos os días do ano.
Desde Amigus Labs agradeceron a todas as entidades colaboradoras e á súa implicación día a día no proxecto: Concello das Pontes, COHEMPO, ENDESA, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital, Triade, Severiano Agrocomercial, Escourido Asociados, Clip Carbono, Ferretería Marcos, Lujo, Matojoma, You can school of English, Fitter, Pontesa Marmoles y granitos, Desguaces Vilabella, Óptica Carmela, Galiorient, Servicio Móvil, Areco, Panadería San José, Fotografía Fabian, Don Dino, CONPLC, IcoEume, Preludio Musical, Arprosa, Radio Eter e ao Grupo de Empresa de Endesa.