O Pacto Dixital de Galicia, a alianza asinada entre a Xunta e compañías referencias do eido TIC a prol de sacarlle ao noso tecido innovador o rendemento e a excelencia que atesoura, segue sumando azos. Se os días pasados falamos dun fortalecemento do pacto para impulsar o noso talento TIC, hoxe puidemos saber que Telefónica (unha das empresas da alianza dixital) vén de pechar un novo acordo de colaboración co Goberno galego para pór en marcha a nova edición de Galicia Open Future, o centro de crowdworking posto en marcha na Cidade da Cultura pola operadora de telecomunicacións en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA.
Haberá novidades nesta cuarta entrega? Segundo Telefónica, a resposta é afirmativa: daráselle unha viraxe á palestra de innovación e emprendemento cara o que se coñece como Industria 4.0, ou sexa, cara ás metodoloxías intelixentes de traballo que resultan da confluencia entre a industria e o mundo das tecnoloxías da información e que se dirixen a converternos en máis rendibles, eficientes, eficaces, sustentables e mellor xestionados e comunicados coa demanda. Baixo o título de Galicia Open Future_: Edición Retos Industria 4.0, o novo modelo busca “dirixir o talento emprendedor cara á resolución de problemas concretos da industria galega”, informa Telefónica, engadindo que nesta nova edición de GOF, a cuarta, colaborarán novamente a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Ao abeiro do novo programa, proporase a grandes empresas referenciais galegas que lancen publicamente un total de seis retos reais de negocio, baixo un modelo de innovación aberta. Ao abeiro desta proposta colectiva, abriranse convocatorias a través da plataforma Telefónica Open Future para cada un dos desafíos, ás que poderán presentarse startups, PEME, centros tecnolóxicos, universidades e emprendedores, e entre os que se seleccionará a un gañador, que poderá desenvolver un piloto da súa solución coa empresa tractora, e tres finalistas.
O gañador terá unha axuda de GAIN de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como os tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán ademais un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como “recoñecemento ao seu esforzo innovador”. Logo, transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada por AMTEGA.Telefónica tamén explica que aparte das achegas económicas directas, Xesgalicia concederá á empresa gañadora un préstamo reembolsable pola cantidade de diñeiro investido para a posta en marcha do piloto nas empresas, até un máximo de 100.000 euros. Ademais, poderá conceder aos finalistas un préstamo reembolsable de até 50.000 euros. A operadora, por último, lembra que neste intre se atopa na fase de contactos coas empresas referenciais, potencialmente achegadoras dos devanditos retos. Dúas delas, engade Telefónica, fornecerán os desafíos na primeira quincena de febreiro. A partir dese punto abrirase un prazo de inscrición dun mes para empresas e emprendedores nacionais ou internacionais, período a partir do cal elixiranse o gañador e mailos tres finalistas por cada un dos retos.
416 proxectos presentados en edicións anteriores
A presentación da nova convocatoria de GOF serviu para facer balance do acadado nas andainas previas. Segundo informan os impulsores do centro de crowdworking, nas tres edicións anteriores de Galicia Open Future presentáronse un total de 416 proxectos de alicerce tecnolóxico, dos cales foron acelerados 145, o que supuxo un total de 1.100 horas de traballo individualizado e o desenvolvemento de 90 actividades formativas e obradoiros abertos en materias como fiscalidade, mercadotecnia dixital, imaxe de marca ou novos modelos de financiamento.
Durante a súa participación, as novas firmas innovadoras puideron presentar os seus proxectos a potenciais clientes, participar en eventos internacionais como o South Summit, recibir apoio á internacionalización, celebrar sesións de adestramento e retro-alimentación con directivos de Telefónica, entrar en contacto coa rede global da plataforma Telefónica Open Future e recibir un apoio económico por parte da consellería de Economía, Emprego e Industria dirixido a aquelas empresas con mellor aproveitamento na aceleración.