Os rapaces e rapazas de 12 a 18 anos poderán asistir a un obradoiro sobre como crear unha App, onde aprenderán a desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles. Empregarase a App Inventor, unha contorna de desenvolvemento de software creado por Google Labs para elaborar aplicacións para Android. O usuario, dun xeito visual e a partires dun conxunto de ferramentas, irá enlazando unha serie de bloques para crear a aplicación. Google App Inventor destaca por dous grandes factores: a simplicidade de uso e Google Play, factores que permitirán crear un gran número de apps e a maiores poder distribuílas gratuitamente.
A actividade iniciará ás nenas e nenos na programación no sistema operativo Android. Unha vez rematada a sesión, os alumnos terán creada a súa conta e os seus proxectos de app, gardados na nube. Ademais de iniciarse na programación e facilitar eses primeiros pasos, os alumnos poderán seguir na súa casa mellorando a súa App e publicala cando o consideren.
Na primeira parte da actividade, os nenos crearán unha app onde se comunique vía Whatsapp a súa situación mediante xeolocalización wifi ou gps. Na segunda parte, cada quen poderá deseñar e comezar a programar unha app que solucione unha inquedanza propia. Recoméndase que os nenos leven un móbil ou tablet con sistema operativo Android para poder ver en funcionamento nun dispositivo a súa creación.