Responsables de Amtega e IESIDE presentaron esta mañá o Programa formativo “AceleraTech, impulsando a transición dixital”, que comezará en outubro. É unha iniciativa formativa que ofrece ás pemes galegas, especialmente ao seu persoal directivo, a posibilidade de achegarse ás tecnoloxías disruptivas máis relevantes e os beneficios e condicionantes necesarios para integralas na súa estratexia, estrutura e modelo de negocio.
No encontro de hoxe o docente do curso, Álvaro Gómez Vieites, avanzou as vantaxes das tecnoloxías disruptivas para o tecido empresarial co relatorio “Transformación Dixital, xestión do cambio cultural, e o impacto de Big Data, IoT, Blockchain e a IA na transformación dos negocios”
Programa específico para persoal directivo
O programa está especialmente dirixido a xerentes e propietarias/os de empresas, xa que estas son as persoas con capacidade de decisión e as que poden impulsar e liderar unha transformación tecnolóxica real destas.
As prazas para participar no programa “AceleraTech” son limitadas e os interesadas poderán preinscribirse no seguinte enlace ata o día 1 de outubro
https://cdtic.xunta.gal/aceleratech2020. De entre as solicitudes recibidas, a Amtega seleccionará a 25 directivos para asistir ás sesións formativas.
Sesións formativas do AceleraTech
O programa desenvolverase a partir de outubro en colaboración con IESIDE e estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un taller final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos:
- A competencia na era dos negocios dixitais
- Big data, data science e intelixencia artificial
- Internet of the things e 5Gg
- Blockchain
- Ciberseguridade
- Construíndo a transformación dixital da peme: taller Lego® Serious Play®
Cómpre destacar que a sesión de ciberseguridade enmárcase no contexto do nodo de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.