main content

main content
22/07/201613:07
Sinatura do convenio con Vodafone España
Santiago de Compostela

Feijóo reafirma o compromiso da Xunta para poñer o desenvolvemento tecnolóxico ao servizo dos maiores e ao servizo das máis de 300.000 persoas con discapacidade en Galicia

  • O titular da Xunta presidiu esta mañá a sinatura do convenio de colaboración con Vodafone España para a posta en marcha dun novo centro tecnolóxico no Gaiás, “Connecting for good Galicia”
  • “Non imos deixar ninguén atrás”, asevera. E destaca que con este obxectivo nace Connecting for Good Galicia, que impulsará iniciativas emprendedoras de innovación social dixital con selo e acento galego
  • Explica que as solucións tecnolóxicas que se desenvolvan poranse a disposición do mercado. “Xuntos poderemos resolver mellor os problemas de moitas persoas que se senten excluídas das tecnoloxías porque non solucionan as súas necesidades específicas”, di
  • Lembra que as iniciativas levadas a cabo pola Xunta para reducir a fenda dixital e conseguir a inclusión social a través da tecnoloxía xa deron importantes froitos: máis de 700.000 galegos teñen cobertura de internet e seis de cada dez trámites coa Xunta pódense realizar a través da rede
  • Destaca entre os novos obxectivos que en 2020 o 100% dos galegos teñan unha conexión cunha calidade mínima de 30 megas; que tres de cada catro galegos accedan a internet de xeito habitual; e chegar aos máis de 160.000 galegos que aínda non se atopan cómodos coa tecnoloxía

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta para poñer o desenvolvemento tecnolóxico ao servizo da inclusión social; ao servizo dos maiores —o 25% da poboación galega— e ao servizo das máis de 300.000 persoas con discapacidade que hai na Comunidade. “Non imos deixar ninguén atrás”, aseverou, destacando que con este obxectivo nace Connecting for Good Galicia, que impulsará iniciativas emprendedoras de innovación social dixital con selo e acento galego.

“Hoxe asistimos a unha nova demostración de emprendemento con fins sociais”, afirmou durante a presentación deste novo centro tecnolóxico no Gaiás, produto da colaboración entre Vodafone e a Administración autonómica para guiar e asesorar a aquelas pemes e emprendedores que utilicen os avances tecnolóxicos para responder ás necesidades de dous grupos que, en ocasións, se senten excluídos dos avances tecnolóxicos.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que as solucións tecnolóxicas que desenvolvan estas empresas poranse a disposición do mercado. “Xuntos poderemos resolver mellor os problemas de moitas persoas que se senten excluídas das tecnoloxías porque non solucionan as súas necesidades específicas”, dixo. O presidente expresou o seu convencemento de que de Connecting for Good Galicia sairán moitas ideas útiles desde o punto de vista social, para mellorar a autonomía dos maiores e das persoas con discapacidade.

Logo de precisar que estas ideas se converterán en iniciativas empresariais co apoio dunha achega de preto dun millón de euros. Feijóo subliñou que de cada convocatoria sairán seis proxectos que recibirán unha axuda do Goberno galego de 2.000 euros cada un; “e optarán a un premio de 25.000 euros que concederemos ao mellor proxecto de cada convocatoria”, engadiu. Pola súa parte, Vodafone concederá outro premio de 10.000 euros “Conectados pola accesibilidade”.

Novos obxectivos
O titular da Xunta incidiu no obxectivo de que as novas tecnoloxías sexan inclusivas e non sirvan para afondar nas desigualdades, senón para reducilas de xeito efectivo. Nesta liña, lembrou que as iniciativas levadas a cabo polo Goberno galego para reducir a fenda dixital e conseguir a inclusión social a través da tecnoloxía xa deron importantes froitos. “Hoxe máis de 700.000 galegos teñen cobertura de internet, seis de cada dez trámites coa Xunta se poden realizar a través da rede e puxemos a tecnoloxía ao servizo das pemes a través do Centro demostrador TIC”, explicou, avogando por seguir traballando para acadar novos obxectivos.

“Logramos que tres de cada catro fogares teñan internet de banda larga, un 63% máis que en 2010, e o obxectivo é que en 2020 o 100% dos galegos teñan unha conexión cunha calidade mínima de 30 megas. O número de persoas que emprega internet xa creceu un 40% e queremos que, a finais da década, tres de cada catro galegos accedan a internet de xeito habitual. Facilitamos formación dixital gratuíta aos máis de 53.000 usuarios das aulas CeMIT e agora o obxectivo é chegar aos máis de 160.000 galegos que aínda non se atopan cómodos coa tecnoloxía e darlles formación dixital básica”, asegurou.

Feijóo concluíu subliñando que nestes avances teñen un papel importante os 700 aliados dixitais que se uniron ao Plan de Inclusión Dixital, ao que a Xunta destinou sete millóns de euros.

Así mesmo, referiuse tamén ao papel que están a desenvolver as trece empresas tecnolóxicas asinantes do Pacto Dixital de Galicia, que axudan a consolidar Galicia como unha terra dixital: “Somos unha terra dixital a través do impulso de Connecting for Good Galicia, a través da posta en marcha dentro de dez días do Centro de excelencia en intelixencia de negocio e Big Data no Museo de Galicia e somos unha terra dixital co Galicia Open Future que está a impulsar máis de 150 iniciativas emprendedoras tecnolóxicas”, resaltou.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS