main content

main content
23/04/202016:04
Alfonso Rueda e Susana López Abella durante a videoconferencia.
Santiago de Compostela

A Xunta destaca a importancia de fomentar a incorporación das nenas e mulleres ao ámbito das TIC

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron hoxe no acto do Día Internacional das rapazas nas TIC, que nesta edición se celebrou de forma virtual polo COVID-19
  • Alfonso Rueda reivindicou rachar cos estereotipos de xénero nestes estudos porque “non existen profesións de homes e mulleres, senón que hai vocacións e liberdade para que cada persoa escolla o seu futuro profesional”

O vicepresidente da Xunta, destacou hoxe a importancia de fomentar a incorporación das nenas e mulleres aos estudos e profesións relacionadas coas tecnoloxías da información e da Comunicación (TIC) para pechar a fenda de xénero que aínda persiste nestes estudos relacionados cos sectores da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas.

Así o expuxo durante a súa participación, xunto coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, no acto do Día Internacional das rapazas nas TIC que cada ano organiza o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e que nesta edición se realizou de xeito virtual debido á situación de emerxencia sanitaria polo coronavirus. No acto por videoconferencia tamén participaron catro mulleres galegas emprendedoras no ámbito da TIC -Amparo Alonso, María Fernández, Isabel Expósito e Patricia Mañana Borrazás- ademais de alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria.

Con este acto, incluido no marco do Proxecto Europeo “ICT-Go-Girls!", Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC, o CESGA pretende dar visibilidade e empoderar ás nenas e mulleres emprendedoras no eido das TIC, así como ofrecer un espazo de intercambio e comunicación para motivar a presenza feminina en estudos neste ámbito.

O vicepresidente da Xunta avogou por aproveitar actos como o de hoxe para reivindicar a necesidade de rachar cos estereotipos baseados no xénero e que seguen presentes en moitos campos. Nesta liña, incidiu en que “non hai profesións de homes e de mulleres, senón que hai vocacións e a liberdade de cada persoa para elixir o seu futuro profesional”. Por iso, aposta porque “cada vez máis mulleres se decanten por titulacións relacionadas coas novas tecnoloxías e a ciencia, nas que se dan aínda desequilibrios entre homes e mulleres”.

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou a utilidade das TIC nun contexto como o actual. Non só para seguir conectados para teletraballar, estudar, manter o contacto con familia e amigos e disfrutar do lecer, senón, sobre todo, na loita contra a pandemia. Precisamente, puxo o exemplo do Centro de Supercomputación de Galicia que ofrece a súa capacidade de cálculo e computación a investigacións directamente relacionadas co COVID-19. E ensalzou o papel de mulleres científicas como a viróloga escocesa June Almeida, a mediados do século XX, ou a enxeñeira de telecomunicacións galega Carmela Troncoso na identificación e prevención fronte ao coronavirus.

Para contribuír ao obxectivo de eliminar a fenda de xénero nestes estudos, a Xunta puxo en marcha o ano pasado o proxecto NIN + NIN -, IGUAIS, que tamén continúa neste exercicio. Esta iniciativa favorece o encontro de mulleres senlleiras líderes na súa actividade profesional entre o alumnado de ESO. Alfonso Rueda destacou a importancia de que as nenas e mozas teñan referentes femininos no ámbito das TIC para coñecer o traballo “de mulleres pioneiras que abriron camiño no mundo da ciencia e que son un espello no que debe mirarse toda a sociedade”.

O Goberno galego promove esa maior presenza das mulleres na actividade científica e tecnolóxica desde a Unidade de Muller e Ciencia e coa entrega dos Premios María Josefa Wonenburger Planells co obxectivo de por en valor, visualizar, dar a coñecer e recoñecer ás mulleres científicas de Galicia.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS