Trala chegada do COVID-19 e as medidas de seguridade implantadas polo goberno, as aulas CeMIT pecharon as súas portas e cesaron a súa actividade presencial. Sen embargo, isto non foi impedimento para continuar ofrecendo un catálogo formativo de calidade aos seus usuarios/as que teñen á súa disposición cursos e charlas online e o acompañamento virtual dos axentes TIC encargados dos centros da Rede.
O uso de novos mecanismos de contacto cos usuarios/as non só mantén activo o funcionamento da Rede senón que tamén está a enriquecer a súa formación proveéndoos de alternativas seguras para seguir adquirindo coñecementos en materia dixital.
Algúns exemplos desta nova forma de achegar a tecnoloxía á cidadanía son as aulas de A Coruña, Beariz, Betanzos, Campo Lameiro, Cerceda, Cuntis, Moaña, Pontevedra, San Sadurniño, Tomiño e Xunqueira de Ambia, que continúan ou están preparando a súa programación de actividades a través de sistemas de videoconferencia, chats, videotitoriais e, incluso, enviando contido formativo e resolvendo dúbidas a través do móbil.
Cada axente TIC está adaptando as actividades en función das capacidades dos seus usuarios/as e medios dispoñibles e nalgúns casos están a realizar formacións a través de ferramentas tecnolóxicas de software libre como Jitsi Meet, aplicación coa que fan videoconferencias, ou mesmo empregando a videochamada ou chat do Whatsapp ou o Facebook en función dos coñecementos dos alumnos/as. Tamén están a xerar o seu propio contido formativo a través da creación de blogs ou repositorios web onde ofrecer aos seus alumnos/as diferentes alternativas e recursos accesibles a través de Internet.
No caso da aula CeMIT de Cuntis, tamén está a experimentar coa impresora 3D da aula a fabricación de viseiras sinxelas por se fosen de utilidade para utilizar como protección en casos de emerxencia. E neste mesmo ámbito, tamén é salientable o labor da aula CeMIT da Molinera (Ourense) #COVID19_MakersOurense que participa de maneira activa na iniciativa nacional #coronavirusmakers, ofrecendo o seu centro e impresoras 3D. Deste xeito, actúa como lugar de coordinación de recepción e entrega de EPIS e viseiras 3D a través de Protección Civil. Así mesmo teñen habilitado un formulario de solicitude para a cidadanía, co fin de axilizar a loxística de fabricación e entrega, coa optimización de prazos para dar resposta á enorme demanda.
Para coñecer as aulas que están a desenvolver este tipo de actividades, aconséllase contactar directamente cos responsables dos centros CeMIT. En todo caso, está dispoñible a plataforma de teleformación EMA que conta cun amplo catálogo de cursos para poder continuar formándose no eido dixital sen saír da casa.
O labor dos responsables das aulas CeMIT é sen dúbida un claro exemplo do espírito colaborador e de rede.
#XuntosConseguirémolo!
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.