Como vimos comentando en anteriores posts, a situación que estamos vivindo estes días fixo que moitas persoas tiveramos que abordar o teletraballo de maneira extraordinaria e inmediata, e aínda que moitas organizacións contan coas súas propias solucións, hoxe gustaríanos compartir, da man de Mancomún, varias solucións de software libre que facilitarán o teu traballo desde a casa.
Ferramentas para a comunicación
Manterse en contacto cos compañeiros, clientes e provedores será clave para poder levar a cabo o traballo diario. A continuación facilitámosvos varias solucións para poder manter a comunicación vía chat, vídeo e a través de chamadas.
Comecemos coas ferramentas para comunicarnos por Chat. En todos os casos están dispoñibles a través de solucións para o ordenador e aplicacións para o móbil:
- Matrix/Riot: Permite unha comunicación segura e personalizada con chats un a un, pequenas comunidades privadas ou grandes grupos públicos, sen preocuparte pola aplicación na que se atopa a outra persoa. Tamén permite realizar chamadas por voz e vídeo e compartir ligazóns con outros usuarios durante unha conferencia e así como enviar arquivos en calquera conversación. Pódese empregar tamén a través do navegador. Accede a máis información aquí.
- Mattermost: Permite conversacións organizadas en equipos e canles, historial de mensaxes con capacidade de busca completa, mensaxes un a un e grupais, voz, vídeo e pantalla compartida, compartir arquivos, imaxes e ligazóns, o uso de emojis, personalizar as notificacións e o estado para poder centrarse no que consideres máis importante. Tamén ten a posibilidade de integrarse con outras ferramentas.
- Signal: Ofrece a posibilidade de enviar mensaxes de grupo, texto, voz, vídeo, documentos e imaxes sen coste por SMS ou MMS e permite facer chamadas e videochamadas mantendo a túa privacidade e seguridade.
- Rocket Chat: Está pensado para substituír ao correo electrónico e mellorar o fluxo de traballo dixital xa que permite establecer chats de equipo, compartir arquivos ou incluso cambiar a chamadas de vídeo ou audio con uso compartido da pantalla. A súa instalación tamén é posible dende o servidor.
Se o que queres é falar e ver ás persoas coas que falas, estas son algunhas ferramentas para Videoconferencia:
- Jitsi: É unha solución totalmente encriptada que pode empregarse ilimitadamente sen necesidade dunha conta, e permite: compartir o escritorio, presentacións, etc, invitar a unha conferencia a través dunha URL simple e personalizada (que pode bloquearse cun contrasinal), intercambiar mensaxes e emojis durante a videoconferencia, con chat integrado, transmitir unha conferencia a YouTube en vivo, levantar a túa man para solicitar quenda de palabra. Jitsi pode empregarse a través dunha URL no ordenador ou na tablet, e no caso do móbil precisa a instalación da aplicación, tamén permite participar na videoconferencia a través de marcación telefónica. Accede a máis información aquí.
- Talk de Nextcloud: Ofrece a posibilidade de realizar chamadas individuais, grupais e chat, así como compartir a pantalla facilmente e integrarse con outras ferramentas e conta con cifrado das chamadas de vídeo e audio. Esta ferramenta está dispoñible a través de aplicación móbil e tamén permite aos participantes unirse a través de liña telefónica.
- Adicionalmente, poderiamos ter en conta as ferramentas indicadas no apartado de chats, que tamén permiten realizar videoconferencias pero nalgúns casos, como Signal, coa limitación de un a un.
Por último, tamén compartimos algunhas ferramentas que permiten a realización de Chamadas:
- Mumble – Pumble: É unha aplicación de chat de voz gratuíta, de baixa latencia e de alta calidade, ideal para falar e para realizar outra tarefa, cunha comunicación privada e segura. Está solución precisa ser instalada nun servidor e está dispoñible para descargar no ordenador ou móbil.
- Coma xa comentamos, tanto as ferramentas de chat, coma as de videoconferencia tamén permiten realizar chamadas, para o que só se terías que desactivar a opción de vídeo.
Ferramentas para a organización do traballo
Durante as xornadas de teletraballo será clave unha boa xestión das tarefas así como unha boa organización das reunións de traballo, para o que propoñemos as seguintes solucións:
- Kanboard: Permite visualizar o estado actual do teu traballo dunha forma sinxela para ver o progreso de cada tarefa e para a xestión tan só é preciso arrastrar e soltar as tarefas en función do estado no que se atopan. Está dispoñible en 30 idiomas e é moi simple e minimalista.
- Taiga: É unha ferramenta de xestión simple, intuitiva, fácil, personalizable e adaptable. Dispón dun taboleiro para incluír notas “post-it” que detallan cada tarefa nun proxecto e que deben completarse. O taboleiro emprégase para mover cada tarefa dun estado a outro, o que axuda a ver o progreso global do proxecto. Podes probar Taiga no CDTIC Virtual.
- Dudle: Trátase dunha solución que permite realizar enquisas ou planificar un evento ou reunión través de votación. A información elimínase automaticamente si non accedes durante máis de dous meses.
- Framadate: É un servizo en liña que permite planificar un encontro ou tomar decisións rapidamente y de maneira sinxela. Non é necesario rexistrarse e tan só tes que crear a enquisa, definir as datas ou temas a tratar, enviar a ligazón ás persoas involucradas e tomar unha decisión cos resultados obtidos.
Ferramentas para o traballo colaborativo
Outro elemento importante do teletraballo, e tamén no traballo na oficina, é o traballo colaborativo o que permitirá enriquecer e mellorar os resultados finais. A continuación propóñense algunhas solucións que facilitan a compartición conxunta de ficheiros, a edición de texto, a realización de cálculos ou o establecemento de calendarios:
A compartición de ficheiros será clave para que o equipo de traballo dispoña de toda a información e documentación necesaria de forma organizada e accesible:
- Seafile: Permite compartir e sincronizar arquivos con total seguridade e privacidade e na nube o que ofrece unha maior capacidade de almacenamento. Adicionalmente permite colaborar entre dispositivos e equipos e conta cunha función Wiki integrada para construír a base do coñecemento de todo o equipo de traballo.
- Kopano: É unha ferramenta máis ampla que ademais de compartir ficheiros permite realizar videoconferencias, xestionar correo electrónico, planificar o calendario, etc. No referente á compartición de ficheiros, permite almacenar arquivos e compartilos facilmente.
- Nextcloud: A solución Nextcloud Files, ofrece a creación de nubes persoais ou privadas o que permite un fácil acceso aos teus arquivos, fotos e documentos para traballar e compartir e colaborar co equipo, clientes e socios, con total seguridade. O acceso é fácil e dende calquera lugar a través do escritorio e aplicación móbil. Tamén permite bloquear arquivos para que non poidan ser editados e é compatible con outras ferramentas e ademais tamén conta con solucións para a realización de chats, xestión de caledarios, etc. Nextcloud pódela probar no CDTIC Virtual. Tamén contan con Nextcloud Hub para empresas.
Para a edición de texto simple podes contar con:
- Etherpad – Pad Disroot: Etherpad permite editar documentos en colaboración en tempo real xunto con outras persoas ao mesmo tempo. Admite a importación / exportación a outros formatos. Non precisa configurar un servidor e instalar Etherpad para usalo. Tamén podes empregar https://pad.disroot.org/ e directamente poderás empezar a traballar conxuntamente.
Se o que precisas é unha folla de cálculo compartida:
- Ethercalc – Calc Disroot: É unha folla de cálculo web onde os teus cálculos gárdanse na web e varias persoas poden editar ao mesmo tempo o documento de forma que os cambios vense reflexados instantaneamente en todas as pantallas.
Por último, se queremos compartir un calendario de traballo entre varias persoas:
- Calendar de Nextcloud: Esta ferramenta permitirache programar traballos e reunións en liña, crear e compartir varios calendarios, ver a dispoñibilidade doutros asistentes, realizar recordatorios con alarmas... Tamén permite a integración con outras aplicacións.
Ferramentas para a realización de clases online
A situación na que nos atopamos, está a potenciar en gran medida a formación online, polo que a continuación facilitamos un par de ferramentas que permitirán a xestión das túas clases virtuais:
- Moodle: É un sistema para o manexo da aprendizaxe en liña, e se es docente poderás crear o teu espazo privado, con cursos dinámicos e que permiten a aprendizaxe en calquera momento e desde calquera sitio. Conta cunha interfaz fácil de navegar, tanto no ordenador coma no móbil, é totalmente personalizable, permite xestionar distintos roles de usuarios, conta cun calendario, un xestor de arquivos e permite editar texto, incluír imaxes, xestionar notificacións sobre alertas de usuarios, entregas, publicacións en foros, asignación de tarefas aos estudantes, chat, cuestionarios etc.
- Chamilo: É un campus virtual que calquera persoa, institución ou empresa pode usar libremente para a impartición de accións formativas a través de internet. Conta cunha interfaz sinxela para docentes e alumnos ao tempo que ten unha estrutura dinámica e conta cun gran número de ferramentas para facilitar a aprendizaxe como a creación de wikis, espazos para traballo en grupo, blogs, foros, fichas de alumno con seguimento detallado, sistemas de avaliación, etc.
O número de ferramentas e solucións existentes para o teletraballo é moi amplo e variado, pero esperamos que esta pequena selección vos permita mellorar e facilitar o traballo que estades realizando desde as vosas casas.