O feito de non encontrarse no centro de traballo pode supoñer un desafío á hora de xestionar de xeito correcto a xornada laboral, polo que se fai necesario o establecemento de certas pautas que nos axuden a asegurar un bo teletraballo, sobre todo, nesta situación de emerxencia e illamento social.
Hoxe, queremos compartir algúns consellos que facilitarán e mellorarán a realización da xornada laboral desde a túa casa:
En primeiro lugar, organízate!
- Crea un espazo de traballo cómodo e que se adapte ás túas necesidades. Na medida do posible, se o espazo se asemella a unha oficina facilitará a nosa concentración. Deixa entrar luz natural e aparta os obxectos que te poidan distraer.
- Establece unha rutina. É moi importante que organices como vai ser a túa xornada. Neste sentido, é recomendable poñer o espertador con tempo, ducharse e almorzar antes de empezar. Igual que se tivésemos que saír de casa. Establecer unha rutina axuda a maximizar o tempo de traballo.
- Prepárate para comezar a traballar. Vístete como se foras a traballar xa que é vital diferenciar entre a vida persoal na casa e o tempo que se dedica a traballar. O feito de vestirse axuda a incrementar a sensación de profesionalidade.
- Planifica o teu día, establece obxectivos cos teus responsables e revisa o seu cumprimento. Fixa obxectivos a curto, medio e longo prazo, determinando prioridades e establecendo momentos de concentración. No contexto actual todos comprendemos que hai circunstancias persoais/familiares que necesitarás atender polo que se é posible, ten en conta imprevistos ou distraccións e incorpóraos na túa planificación. Pode axudar a realización de listas de tarefas que estean accesibles en todo momento e á vista.
Establece horarios e descansos!
- Establece un horario laboral adaptado ás túas necesidades e en coordinación cos teus equipos/responsables/clientes. O control autónomo do ritmo de traballo pode dar lugar a un exceso de horas de traballo coa consecuente sobrecarga.
- Traballa cando sexas máis produtivo. Procura que o horario establecido comprenda as horas do día onde máis cómodo te sintas para realizar as túas tarefas e poidas sacarlle o máximo rendemento ao tempo do que dispoñas.
- Fai descansos. Establecer un ritmo de traballo e descanso onde primen as pausas frecuentes e curtas fronte as espaciadas e longas. Isto é debido a que, unha vez chegado ao estado de fatiga, é difícil recuperarse, polo que o máis positivo é procurar non alcanzalo previndo así a fatiga visual, mental e as posicións estáticas prolongadas.
- Cumpre cos teus horarios. Ao traballar desde casa pode ocorrer que estendas a túa xornada laboral innecesariamente. Fixa unha hora de comezo e unha de final e cíngueche a elas. Podes poñerche unha alarma que sinale o final do teu día.
Realiza o teu traballo de forma coordinada e eficiente!
- Mantente conectado cos teus compañeiros, clientes e provedores. É moi importante establecer unha comunicación fluída entre todos os axentes implicados no teu traballo a través de ferramentas tecnolóxicas. Desta maneira, conséguese estar ao día en cuestións de traballo, foméntase o sentido de pertenza á organización e prevéñense problemas derivados da soidade e illamento.
- Emprega ferramentas tecnolóxicas. Identifica e emprega as solucións tecnolóxicas que se adapten ao teu traballo para mellorar os teus resultados: chats, videochamadas, compartición de ficheiros, edición de textos, follas de cálculo, calendarios, etc.
- Accede ás noticias, redes sociais, etc en momentos concretos do día. É importante definir momentos para o tempo de lecer, facer chamadas telefónicas, uso de redes sociais, lectura de blogs, utilización de WhatsApp...
- Evita distraccións. O feito de non separar, e non só de maneira física, ambos aspectos da vida, pode dar lugar a tensións que poden afectar psicoloxicamente. E ten especial coidado coas distraccións domésticas, traballar no fogar pode ir acompañado de distraccións, como as labores da casa. Por este motivo, é esencial entender e establecer que aínda que esteamos no noso fogar, estamos en horario laboral e debemos evitar, polo tanto, actividades non relacionadas coas nosas tarefas profesionais.
Seguridade e protección de datos
- Reforza a ciberseguridade. Nunha situación de emerxencia social, as presas poden facernos descoidados/as, sobre todo, no que a seguridade dixital se refire. Por iso, hai que poñer especial atención nas medidas de seguridade e uso responsable da tecnoloxía que teñamos ao noso alcance. Para máis detalle, consulta as seguintes Recomendacións en materia de ciberseguridade e privacidade.
- Protéxete. Ten especial coidado coas túas contrasinais, o acceso a sitios web seguros, actualizar os sistemas e aplicacións, emprega o antivirus... Para máis detalle, consulta a Guía para o uso responsable e seguro da tecnoloxía no fogar.
Incorpora rutinas de benestar para mellorar o teu traballo!
- Mantén unha boa postura. Para unha boa calidade de vida é importante coidar as posturas que realizamos durante a xornada laboral. Manter unha postura inadecuada pode ser prexudicial para a nosa saúde tanto se estamos quietos coma se nos movemos.
- Incorpora música no teu traballo. A música pode ser unha boa acompañante e facerche máis levadeiro o día.
- Activa o teu corpo dende a túa casa. Reservar un espazo no día para activar o corpo mediante a realización de técnicas de meditación, Mindfulness, xunto con algún exercicio físico poden axudar a:
- Durmir mellor
- Aumentar a nosa capacidade de concentración
- Favorecer a creatividade
- Reducir os niveis de tensións e axudar a controlar a ansiedade
- Axudar a experimentar o momento presente e mellorar a memoria
Estes son algúns consellos que creemos che axudarán a mellorar o teu rendemento laboral e persoal, e sobre todo, non perdas a motivación... Co paso dos días é probable que se perda a perspectiva, neste contexto de aillamento social, pero lembra, o teletraballo é unha nova forma de traballo e aínda que non nos atopemos nas mellores circunstancias, xuntos podemos acadar importantes logros e aprendizaxes.