main content

main content
21/10/201917:10
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O CPEIG e a Amtega pechan o programa TechKids cunha xornada de obradoiros de programación, pilotaxe de drons e realidade viritual

  • Un centenar de rapaces participará este domingo na Cidade da Cultura na sesión de peche dos talleres xuvenís de verán “TechKids”, programa destinado a potenciar o talento dixital na mocidade galega


O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizarán o vindeiro domingo, 27 de outubro, a xornada final do programa “TechKids”, talleres sobre programación, robótica, drons e animación 3D celebrados durante o verán nas Aulas CeMIT de Galicia. O evento celebrarase de 11:00 a 14:30 horas no Edificio do Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura de Galicia.

A actividade, enmarcada no Programa de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, está destinada a estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova. En concreto, a organización ten prevista a participación de aproximadamente un centenar de rapaces e rapazas de 10 a 17 anos nunha xincana tecnolóxica con seis obradoiros diferentes. Os interesados en participar poden facelo a través da web: https://cemit.xunta.gal/frm_tech_kids e consultar calquera dúbida no seguinte mail, techkids@cpeig.gal.

Actividades

No taller “Tech escape room”, deseñado para rapaces de 10 a 15 anos, os participantes farán uso de contidos matemáticos para crear enigmas, xogos e crebacabezas que necesitarán resolver para poder escapar da sala na que estarán pechados.

Outra das actividades centrarase no mundo dos drons. Os rapaces, de 13 a 17 anos, que participen neste taller de “Drones Leo Racing” gozarán da experiencia de pilotar drons e aprenderán diferentes aspectos técnicos de maneira lúdica e activa. 

Ademais, os rapaces e rapazas de 10 a 14 anos poderán participar no taller “Microbit Experience”, onde poderán facer divertidos programas para crear emojis en movemento, enviar mensaxes secretas entre as microbits, ademais de programar varios xogos, como o de fronte ou cruz ou a realizar un dado electrónico. 

Para seguir cunha mañá repleta de xogos e experiencias, a organización incluíu o obradoiro de “Leap Motion”, un sensor de movemento que permite controlar o computador mediante xestos que se realizan no aire. Os máis pequenos debuxarán no aire, moverán estruturas ou construirán coas súas mans, todo reflectido nun videoxogo. 

O “Electric Paint” é un xogo que permite experimentar con pintura condutiva que funciona sobre multitude de superficies como roupa, mobles, paredes, tea, etc. Estas pinturas á auga posúen a propiedade de conducir a electricidade e son axeitadas para crear circuítos brandos e fabricar sensores. É unha actividade ideal para iniciarse na electrónica e a programación, ao mesmo tempo que axuda aos rapaces a poñer en práctica os coñecementos artísticos.

E nesta xornada tamén terá cabida o cine. Os pequenos de todas as idades poderán participar no obradoiro “A maxia do cine”. Nunha sociedade onde os rapaces son uns apaixonados de Youtube e dos mundos virtuais por aumentar o seu espazo vital, mostraráselles con este taller como conseguilo, converténdose en protagonistas da súa propia aprendizaxe facendo cameos nas súas películas favoritas.

Posibilidades profesionais da creación dixital: videoxogos e animación

De forma simultánea, celebrarase das 12 ás 14 horas dúas conferencias sobre o mundo dos videoxogos e a animación do director e fundador do Congreso Internacional de Animación, Efectos Especiales y Nuevos Media “Mundos Digitales”, Manuel Meijide, e o cofundador da produtora audiovisual Illusorium Studios – recoñecido estudio de postprodución nacional especializado en 3D–, Raúl Rocha.

Durante esta sesión de traballo, Mundos Digitales presenta en primicia a nova rede social de Facebook, baseada en realidade virtual e con escenarios recreados pola compañía española Illusorium Studios. Raúl Rocha fará a presentación e repasará os fitos e oportunidades dun proxecto destas características.

Máis de 400 rapaces participaron nas xornadas deste verán nas Aulas CeMIT 

O CPEIG e a Amtega organizaron nos meses de xullo, agosto e setembro unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos ou películas de animación, enmarcadas no programa “TechKids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. 

Organizáronse 45 obradoiros nas Aulas CeMIT de diferentes concellos das catro provincias galegas nas que participaron 464 alumnos e alumnas. O seu obxecto foi achegar aos máis novos a industria dos contidos dixitais para ofrecerlle unha visión ampla dos perfís profesionais que demanda o sector, a formación e os estudos polos que deben optar se están interesados nesta saída profesional.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS