A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no II Congreso Digital Tourist no que expuxo o traballo levado a cabo pola Xunta na implantación das novas tecnoloxías e a innovación no eido turístico.
Durante a súa intervención, salientou a aposta de Galicia neste eido como unha estratexia “necesaria de presente e futuro” para converterse nun destino cada vez máis competitivo. “O noso traballo pasa por empregar a innovación e tecnoloxía de xeito que nos axude a xestionar mellor o impacto social, cultural e medioambiental do turismo e afondar nunha correcta planificación e ordeada xestión dos nosos recursos”, dixo.
Puxo de manifesto as diferentes ferramentas que Galicia pon a disposición dos turistas, como as apps temáticas e especializadas ao redor do destino ou de diferentes recursos naturais, así como portais web e perfís participativos nas redes sociais ou servizos de wifi gratis nos albergues de peregrinos da rede pública do Camiño de Santiago, entre outras.
Recordou, ademais, o impulso da Xunta para fomentar entre o sector turístico o uso das tecnoloxías para mellorar o coñecemento do cliente, a comercialización ou a fidelización poñendo como exemplo a ferramenta de xestión impulsada para os balnearios galegos ou a plataforma online de comercialización de experiencias enoturísticas en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia que se atopa en fase de desenvolvemento.
Nava Castro referiuse tamén á importancia que Galicia dá á innovación no ámbito dos datos estatísticos. Neste sentido falou das liñas de traballo en marcha relacionadas coas estratexias de big data, como o proxecto europeo para o desenvolvemento da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerés-Xurés, no que se empregarán datos de compañías telefónicas de ambos países para identificar movementos e perfís dos visitantes da zona, ou o proxecto posto en marcha xunto a rexión Norte de Portugal e varias universidades para dispor dun sistema de intelixencia turística baseado en datos con orixe no big data.
A directora de Turismo salientou tamén a aposta de Galicia por incorporar a innovación no Camiño de Santiago que vén de recibir o premio da organización do congreso, a asociación patronal representante do sector da industria tecnolóxica dixital en España AMETIC.