Desde o Plan de formación continua do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, impulsado pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, ponse en marcha unha nova actividade formativa: Innovación Social Dixital dende unha análise de ferramentas Canvas.
Os participantes, entre os que se atoparán voluntarios e voluntarias dixitais, persoal técnico de entidades de acción social, axentes TIC das aulas CeMIT-Innova e a calquera persoa e/ou organización interesada nestes temas, aprenderán a utilizar unha serie de ferramentas que lles permitirá definir os seus proxectos de innovación social dixital, atopar solucións aos problemas e traballar de forma colaborativa.
O obxectivo final da formación será polo tanto, xerar sinerxías e colaboracións, en cada un dos proxectos piloto, cos que seguir construíndo unha iniciativa común, de maneira conxunta e coa participación de novos aliados dixitais.
O obradoiro de Canvas desenvolverase en dúas edicións de 12 horas cada unha: unha no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) de Santiago de Compostela o día 4 de xullo de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h e o día 5 de 10:00h a 14:00h, e outra edición no Centro da Molinera de Ourense o día 6 de xullo de 10:00h a 14:00h e de 16:00h 20:00h e o día 7 de 10:00h a 14:00h.
A continuación facilítase máis información de detalle do programa formativo para cada unha das edicións:
A inscrición é de balde, ten prazas limitadas e pódese formalizar na web de voluntariado galego ata o 1 de xullo ás 12:00h para a formación de Santiago e ata o 5 de xullo ás 12:00h no caso da formación de Ourense:
O experto
Para que os participantes consigan o obxectivo de construír innovación social dixital contarase coa presenza de Paco Prieto, consultor en creatividade e innovación en talento corporativo, que conta cunha dilatada experiencia en iniciativas de creatividade e innovación en diversos ámbitos da sociedade e facilitará a todos os asistentes a claves para aplicar a ferramenta canvas para a innovación social dixital en Galicia a través de casos prácticos e colaborativos.
Programa de Voluntariado Dixital - VOLDIX
O Programa de Voluntariado Dixital é unha iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que conta xa con 487 persoas voluntarias e 142 aliad@s dixitais. Ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos (persoas maiores, persoas con discapacidade, etc).
A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas.
Voluntariado Galego
O Voluntariado Galego é outra das apostas da Consellería de Política Social para enmarcar todas as iniciativas que fomentan a participación e a solidariedade dos galegos e galegas, e a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, continuase traballando para promover a participación e o voluntariado en colaboración coas entidades de acción voluntaria para contribuír ao desenvolvemento individual e colectivo da sociedade.