main content

main content
17/09/201913:09
Momento da intervención de Mar Pereira na primeira xornada de Primare Demo Days.
Forcarei

A Xunta pilotará a plataforma Primare para as inspeccións intelixentes e a agricultura avanzada en 3.000 parcelas galegas

  • Galicia é a primeira Comunidade do Estado en poñer en marcha un proxecto de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario
  • A directora da Amtega e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias inauguraron hoxe unha xornada sobre a iniciativa en Forcarei
  • A plataforma obtén os datos xeorreferenciados das parcelas a través de drons, procesa a información e permite executar a inspección de xeito automatizado
  • Ofrecerá, tamén, servizos de valor engadido a través de aplicacións web e móbiles para facilitar a xestión das explotacións agrarias

Un total de 90 axentes do sector agrogandeiro participaron hoxe en Forcarei na primeira xornada “Primare Demo-Days”, na que se abordaron as oportunidades e os retos do proxecto piloto de innovación ‘Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas’ da Xunta para automatizar os controis en campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC).

O encontro foi inaugurado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, que avanzaron que a iniciativa pilotarase, inicialmente, nunhas 3.000 parcelas do territorio galego, para comprobar a súa viabilidade técnica, económica e fiabilidade.
 

A plataforma Primare

Representantes da Administración autonómica e das empresas adxudicatarias da iniciativa explicaron en detalle o funcionamento da plataforma Primare, que integra tres tipos de solucións: 
  • Un sistema que, a través de drons e imaxes satelitais, capta información xeorreferenciada das parcelas, obtendo os datos xeográficos, territoriais e agroambientais que requiren os controis asociados ás axudas da PAC. 
  • Unha plataforma que analiza automaticamente as imaxes capturadas e permite obter información útil para a toma de decisións nos procesos de inspección. 
  • Un sistema experto de control automatizado e intelixente que compara o declarado na solicitude de axuda coa información recollida en campo e que permite executar a inspección de xeito automatizado.
A directora da Amtega lembrou que Primare é o primeiro proxecto de Compra Pública Innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario a nivel estatal e recalcou que a implantación de adquisición de solucións dixitais innovadoras proporcionará un impulso esencial para un sector primario intelixente e sostible.
 
Mar Pereira indicou que, ademais da automatización das inspeccións, Primare ofrecerá outros servizos de valor engadido para os agricultores como unha aplicación móbil para capturar e enviar imaxes xeorreferenciadas como probas adicionais aos controis da PAC e unha aplicación web para xestionar o caderno de explotación, que permita mellorar a toma de decisións no futuro. 
 
Neste senso, o director xeral de Gandaría destacou que a tecnoloxía desenvolvida dentro do programa Primare podería ter evidentes aplicacións prácticas para os empresarios agrarios como, por exemplo, obter datos case instantáneos da humidade ou da altura dos cultivos poden axudar na xestión máis eficiente da auga e dos fertilizantes, na loita contra pragas e enfermidades, na valoración dos datos da fauna silvestre, entre outras posibilidades. 
 
Así, José Balseiros insistiu en que “cómpre apostar por ferramentas como as deste programa para axudar na evolución tecnolóxica e dixital do noso agro”, sinalando que o sector agrario galego segue evolucionando cara explotacións máis grandes e extensivas, nas que o manexo do territorio exixe cada vez máis tempo, atención e precisión. 

Nova xornada en outubro

O de hoxe é o primeiro dos dous encontros previstos para dar a coñecer a responsables de explotacións agrarias, en especial dos beneficiarios das axudas da Política Agraria Común (PAC), o potencial do uso de medios tecnolóxicos para aumentar a eficiencia e reducir a complexidade da realización dos controis asociados ás axudas da PAC. 
 
No mes de outubro está prevista unha segunda convocatoria da xornada que terá lugar no concello de Meira (Lugo). A asistencia a calquera das xornadas é gratuíta, previa inscrición a través da seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/primare_civil_uavs/presentacion/ 

Proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas

O proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas, coliderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural, ten por obxectivo desenvolver solucións innovadoras para dispoñer de xeito automatizado de servizos de valor engadido para os axentes do sector agro-gandeiro e, en particular, para a realización dos controis de campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC) mediante medios tecnolóxicos (en particular, mediante o uso de medios aéreos non tripulados e outros sistemas tecnolóxicos).
 
Primare conta cun orzamento de 4M€ cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, GAIN e a AMTEGA para o proxecto "CIVIL UAVs Initiative“.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS