A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta (Amtega), Mar Pereira, inaugurou hoxe a I Xornada de Ciberseguridade de Galicia, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática (CPEIG). A máxima responsable da política tecnolóxica autonómica destacou que o incremento da seguridade na rede é unha das prioridades da Axenda Dixital de Galicia 2020 para protexer os servizos públicos dixitais fronte a este tipo de ameazas e crear un clima de confianza para xeralizar o seu uso por parte de cidadáns e empresas.
Pereira sinalou que os ciberataques xeran un dobre prexuízo, o que causan directamente aos afectados e o clima de desconfianza que xeran na cidadanía respecto do uso de medios electrónicos. Neste sentido, a directora da Amtega afirmou que aínda que os ataques informáticos non se poden evitar ao 100%, si se poden poñer os medios para minimizar o máximo posible o seu impacto. Por iso, engadiu, a ciberseguridade é un aspecto imprescindible a ter en conta en calquera tipo de organización pública ou privada e tamén no ámbito persoal.
Seguridade na rede e confianza dixital, liñas estratéxicas da ADG2020
Mar Pereira lembrou que a Axenda Dixital de Galicia 2020 afonda e amplía ao traballo que vén realizando a Administración autonómica no relativo á seguridade TIC, a través da Política de Seguridade da Información da Xunta de Galicia e do Sector Público Autonómico e do Plan Director de Seguridade TIC da Amtega 2015-2020, aprobados ambos o pasado ano.
No marco deste Plan, a Amtega está a desenvolver una serie de actuacións, tanto técnicas e operativas como organizativas e formativas para as que conta cun investimento de máis de 11 millóns de euros en cinco anos.
As actuacións operativas en marcha permitiron aumentar as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade. Estas medidas permiten, tamén, unha mellor colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, achegando información de valor para axudar na investigación de posibles de delitos relacionados co ciberespazo.
A nivel organizativo, constituíronse órganos colexiados coa responsabilidade do goberno dos aspectos relacionados seguridade da información, con participación de tódalas consellerías da Xunta de Galicia, a Asesoría Xurídica e Amtega, xa que a seguridade da información non é un aspecto unicamente técnico e é necesario elevar esta cuestión a niveis directivos das organizacións. O Plan Director de Seguridade TIC inclúe tamén accións de formación e concienciación para usuarios dos sistemas de información.
Colaboración
Nun proceso de dixitalización intensivo, como o que se está a desenvolver a nivel mundial, as infraestruturas tecnolóxicas que garanten o funcionamento de servizos públicos convértense en infraestruturas críticas e a ciberseguridade nun elemento chave de seguridade nacional. Incrementar a seguridade require da acción conxunta dos diferentes Gobernos, dos corpos e forzas de seguridade, e tamén da colaboración estreita do sector tecnolóxico. protexer os servizos públicos dixitais fronte a este tipo de ameazas e crear un clima de confianza para xeralizar o seu uso por parte de cidadáns e empresas.