O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia convocan unha nova edición dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2016. Estas distincións foron instituídas coa finalidade de fomentar o apoio e a promoción do sector TIC en Galicia e a súa entrega terá lugar durante o trascurso da XXI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que terá lugar o vindeiro 30 de setembro de 2016 no Gran Hotel da Toxa, e que, este ano, estará adicada á Transformación dixital. O desafío 4.0.
As convocatorias abertas dos Premios COETG/AETG son:
- Premio Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC 2016. Patrocinado pola Fundación Ingeniero Gerardo García Campos e dotado con 6.000 euros, este premio pretende dar un impulso económico e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina ao concederse a un proxecto empresarial emerxente no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.
- Premio GRADIANT á Mellor Tese Doutoral aplicada ao Sector TIC 2016. Patrocinado pola Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT) e dotado con 2.000 euros, con este premio preténdese fomentar a realización de teses doutorais con potencial de aportar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
- Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2016. En colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) este premio é de carácter honorífico e está destinado a recoñecer os mellores proxectos no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación que contribúan e aporten beneficios á sociedade. Preténdese con este premio distinguir ás iniciativas de innovación social de base tecnolóxica que desenvolvan solucións TIC no campo da accesibilidade e as tecnoloxías da información e a comunicación apoiando a igualdade de oportunidades, a inclusión dixital e/ou dean resposta ás demandas sociais dirixidas á mellora da saúde, da autonomía persoal e do benestar e a calidade de vida.
- Premio INEO ao Produto ou Servizo máis Innovador. Patrocinado pola Asociación de Empresas de Tecnología de Galicia (INEO) e de carácter honorífico, está destinado a recoñecer ás empresas do sector da electrónica e TIC que estean a contribuír a modernización e a innovación na economía galega.
Toda a información e acceso ás bases das convocatorias de todos os premios na web www.aetg.gal.
A data de recepción de candidaturas remata para todos os premios o luns 18 de xullo de 2016 ás 09:00 horas. As solicitudes enviaranse aos correos electrónicos administracion@aetg.gal e administracion@coetg.gal.