A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inicia este luns, 18 de febreiro, a formación das 180 persoas que se matricularon nestes días no curso de teleformación preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar no mes de maio.
O curso de preparación de 190 horas de duración impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
En canto ao perfil das 180 persoas matriculadas, seleccionadas de entre 1.674 solicitudes de inscrición, destacar os seguintes datos: a media de idade é de 40 anos; unha gran maioría son mulleres, (128 mulleres por 52 homes); o 55% ten estudos medios-superiores (57 licenciados e 42 diplomados); a maior parte se conectan todos os días a internet (166) e utilizan o software libre un total de 116 persoas matriculadas.
En canto á procedencia, seguen a ser maioritarias as domiciliadas nas provincias de A Coruña e Pontevedra, con 89 e 54 participantes respectivamente, fronte ás 21 persoas da provincia de Lugo e as 16 procedentes de Ourense.
Hay que recordar tamén que as persoas demandantes de emprego ou cunha discapacidade igual ou superior ao 33% gozaron de exención no pagamento das taxas de exame. Das 180 persoas matriculadas, 40 son demandantes de emprego e 7 son persoas con discapacidade.
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT, baixo a modalidade de autoformación.
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2019, que terá a súa continuación con novos exames presenciais neste primeiro semestre para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios, ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa, ata chegar a un número superior ás 1.500 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 7.000 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.110 en cursos de teleformación titorizada e 4.923 en probas presenciais de acceso libre) e 3.140 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia despois de superar as probas convocadas nas aulas da rede CeMIT.
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.