main content

main content
04/02/201915:02
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria e a directora da Amtega mantiveron un encontro de traballo co presidente do Clúster TIC.
Santiago de Compostela

A Xunta avanza co Clúster TIC no desenvolvemento dun polo industrial na Coruña que acelere a transformación dixital da economía galega

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, mantiveron un encontro de traballo co presidente do Clúster, Antonio Rodríguez del Corral
  • Con esta iniciativa as empresas e a Administración autonómica buscan situar Galicia como un referente na innovación TIC a nivel internacional, e favorecer a xeración dunha economía máis competitiva
  • O sector emprega na Comunidade a máis de 22.000 persoas e supón o 2,1% do produto interior bruto
  • A área metropolitana da Coruña concentra arredor da metade da facturación, e máis do 40% do emprego TIC galego, polo que se configura como a zona idónea para a localización do proxecto

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, mantiveron hoxe un novo encontro de traballo con representantes do sector das TIC, encabezados polo presidente do Clúster galego, Antonio Rodríguez del Corral, para continuar avanzando no desenvolvemento dun polo industrial das tecnoloxías da información e a comunicación que acelere a transformación dixital da economía galega.

Tal e como se lembrou na reunión, esta iniciativa pode configurarse como unha oportunidade para avanzar na xeración dunha economía máis competitiva, desde o punto de vista da innovación, dos procesos e dos produtos. Os obxectivos que se perseguen coa a creación deste polo son dar resposta ás demandas do tecido industrial e de coñecemento no sector; activar proxectos de I+D vertebradores, e atraer novos investimentos a Galicia; situando a Comunidade como un referente na innovación TIC a nivel internacional.

O sector das tecnoloxías da información e a comunicación en Galicia está composto por máis de 22.000 traballadores, máis de 3.400 empresas e supón un 2,1% do produto interior bruto da Comunidade. Ademais, conta co apoio de cinco centros tecnolóxicos. A área metropolitana da Coruña concentra arredor da metade da facturación do sector, e máis do 40% do emprego TIC de Galicia, polo que se configura como a zona idónea para a localización do novo polo industrial.

Durante o encontro, defendeuse a necesidade de concretar o proxecto, tanto con respecto aos contidos necesarios para que sexa un verdadeiro revulsivo; como con respecto a que debe ser desenvolvido da man do conxunto da industria TIC, dous requisitos previos indispensables antes de decidir a localización precisa do polo industrial das TIC na Coruña.

Así, na reunión concretáronse tres ámbitos de traballo para centrar o proxecto: a identificación de novas oportunidades en materia de talento, un eido no que colaborarán tanto a Consellería de Economía, Emprego e Industria como a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Amtega; desde o punto de vista dos espazos, a definición dunha proposta estruturada e ordenada das necesidades do sector; e traballar sobre o mapa de capacidades instaladas, a través das infraestruturas colaborativas (fab labs) ou outros elementos para responder ás necesidades do sector.

O apoio a esta iniciativa enmárcase no compromiso da Xunta co sistema galego de I+D+i, con cuxa colaboración se puxeron en marcha a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), o Plan Galicia Innova 2020 e a Axenda Industria 4.0. Nestas follas de ruta a transformación dixital da industria galega se configura como un obxectivo transversal no que o sector TIC se converte nun aliado estratéxico.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS