main content

main content
21/11/201807:11
Dúas mulleres traballando diante dunha pantalla.
Santiago de Compostela

A comisión de persoal da Xunta aproba o texto do anteproxecto da LEDIXGA co voto favorable de todas as organizacións sindicais

  • CIG, CCOO, CSIF e UXT amosaron a súa conformidade co articulado sometido a votación
  • O obxectivo da norma é acadar un marco normativo único para consolidar unha administración integramente dixital, máis accesible e proactiva
  • Contempla a transformación das Oficinas de rexistro en Oficinas de atención á cidadanía, que prestarán asesoramento na xestión online
  • Créase a figura do funcionario habilitado, que poderá realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa
  • Por primeira vez formúlase a creación dun marco galego de competencias dixitais para a cidadanía e un plan de capacitación dixital do empregado público


O Anteproxecto de Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA) continúa a súa tramitación tras ser aprobado na comisión de persoal da Xunta de Galicia co voto favorable de todas as organizacións sindicais. A CIG, CCOO, CSIF e UXT amosaron a súa conformidade co articulado sometido a votación.

A LEDIXGA busca acadar un marco normativo único para consolidar unha administración integramente dixital, máis accesible e proactiva baseada en tres principios; só unha vez, evitando reclamar datos que xa obran en poder da Administración; a proactividade, empregar a información que a Administración ten do cidadán para prestar servizos personalizados e adiantarse ás súas necesidades e a automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.

O anteproxecto de Lei estrutúrase en oito títulos e 127 artigos que adaptan as obrigas das leis estatais 39 e 40/2015 á realidade do sector público autonómico para regular os aspectos fundamentais que permitan universalizar o uso e o acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais, así como os instrumentos de funcionamento interno para a xestión dixital da Administración.
 

Oficinas de atención á cidadanía e funcionario habilitado

Entre as principais novidades da Lei está a transformación das actuais oficinas de Rexistro nunha Rede de oficinas de atención á cidadanía nas que se prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos, solicitudes e documentación como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación.

Nesta liña, o anteproxecto de Lei tamén establece a posta en marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Con tal fin, a norma establece a creación do Rexistro electrónico xeral de apoderamentos.
 

Capacitación dixital

A norma define, por primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais, tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia, para que os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos dixitais e mellorar as súas competencias profesionais. Ademais, promoverase a inclusión dixital con actuacións de formación en función do nivel (alfabetización, capacitación e innovación dixital), na que a Rede de Aulas CeMIT constituirá un instrumento de apoio importante.

Así mesmo, a lei contempla a definición dun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais.

 

Posto de traballo dixital

Senta as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público, coa dotación de medios para a realización do desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo, mobilidade, que deberá permitir: o uso de escritorios e aplicacións corporativas en calquera dispositivo e lugar; o emprego de terminais ou dispositivos adaptados aos perfís dos empregados públicos; e posibilitar contornas de traballo colaborativas e a creación de redes de usuarios con actividades comúns.

Neste eido xa está en marcha o Plan de xestión e dotación de medios TIC con medidas como a dotación de novo equipamento, a homoxeneización do software e a centralización das ferramentas de xestión dos equipos.
 

Avaliación e seguimento

Para facilitar o seguimento dos avances na dixitalización e o seu impacto tanto no  funcionamento interno como na relación cos cidadáns a norma contempla a creación dun sistema de indicadores da administración dixital. A análise da información que proporcione o sistema, xa en marcha, permitirá introducir melloras na implantación dos servizos.

Ademais, aposta pola potenciación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano asesor dixital para a extensión da modernización tecnolóxica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS