O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan o vindeiro domingo, 18 de novembro, a xornada final do programa “Tech Kids”. O evento celebrarase de 11:00 a 14:30 horas no Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.
A actividade está destinada a estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova. En concreto, a organización ten prevista a participación de aproximadamente 200 rapaces e rapazas de entre 10 e 17 anos. Organizarase unha xincana tecnolóxica con tres sets independentes: vídeo mapping interactivo, panel de chroma key e jam musical, ademais de varios talleres de drons. O evento será gravado cun dron e crearase un vídeo promocional que poñerá o broche final a esta xornada educativa e lúdica. Os rapaces recibirán unha bolsa de picnic e terán zona de xogos dispoñible para o seu esparexemento.
No set de vídeo mapping interactivo, os participantes poderán controlar en tempo real distintas figuras xeométricas proxectadas, sen tocar ningún dispositivo e utilizando as tecnoloxías madmapper, leap motion e midifighter. O sistema é un “quebracabezas interactivo” onde os rapaces deberán organizar os cadros de maneira que se mostre correctamente a proxección resultante, co obxecto de compoñer un vídeo nas caras frontais dos cubos mediante movementos aéreos.
No panel de chroma key, os participantes posarán diante dun sistema de subtracción de fondo para aparecer dentro dun escenario proxectado en tempo real. Disporase dunha pantalla de fondo verde para que os rapaces se poidan ver dentro dun escenario, imaxe que será proxectada nunha parede do recinto.
No jam musical, os rapaces poderán tocar música mediante un sistema informático de música en directo, configurado para que ata tres persoas participen simultaneamente. O sistema restrinxirá as escalas musicais dos instrumentos e recolocará a posición das notas.
Os rapaces poderán participar tamén en talleres teórico-prácticos de drons aéreos e terrestres, onde se lles explicará todo o relacionado co uso legal destes aparatos, así como conceptos básicos de electrónica, mecánica e responsabilidade. O obxecto é que os rapaces coñezan este sector e as súas posibilidades laborais. Ofrecerase unha exhibición de voo de drons de diferentes tamaños na que participarán os máis pequenos.
As posibilidades laborais da creación dixital na industria do entretemento
Ademais, a xornada contará cunha conferencia sobre “Mundos dixitais” que impartirán o director e fundador do Festival Internacional de Animación, Videoxogos e Infoarquitectura Mundos Digitales, Manuel Meijide, e o confundador da productora audiovisual Illusorium Studios – recoñecido estudio de postprodución nacional especializado en 3D–, Raúl Rocha, ás 12:00 horas.
Manuel Meijide explicará as posibilidades que mozos e mozas, apaixoados polo mundo da creación dixital para a industria do entretemento, teñen hoxe en día neste sector en auxe que demanda multitude de profesionales cualificados.
Pola súa parte, Raúl Rocha, explicará o proceso de creación de personaxes tal como se realiza nun estudio profesional, a través de exemplos prácticos nos que mostrará desde os primeiros deseños a man do personaxe ata como convertilo nun modelo dixital que pode manipularse como se existira en realidade.
673 rapaces participaron nas 57 xornadas celebradas este verán nas Aulas CeMIT de Galicia
O CPEIG e Amtega organizaron nos meses de xullo, agosto e setembro unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos ou películas de animación, enmarcadas no programa “Tech Kids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. Organizáronse 57 xornadas nas Aulas CeMIT de diversos concellos das catro provincias galegas nas que participaron 673 alumnos e alumnas.