main content

main content
02/05/201609:05
Galicia

Galicia incrementou en 350.000 os usuarios de internet durante os últimos cinco anos

A Xunta afronta o reto de que o 75% dos galegos usen as Tecnoloxías da Información e a Comunicación e facilitar o acceso a novas profesións dixitais a través dunha rede de “aliados dixitais”

O 67% dos galegos empregan hoxe internet, case 20 puntos máis que no 2015, cando a poboación que se manexaba na rede non superaba o 48%. O incremento de máis de 350.000 usuarios en cinco anos é un dos principais indicadores á hora de medir a dixitalización da sociedade é especialmente significativo, xa que Galicia medra por riba do conxunto do Estado. As iniciativas públicas desenvolvidas nos últimos anos, tanto desde a Rede de aulas CeMIT como a través do Programa de Voluntariado Dixital, contribuíron á inclusión dixital dunha poboación repartida en 30.000 núcleos e cunha porcentaxe de maiores de 60 anos do 30%.

Agora o reto é reducir aínda máis esa fenda dixital e elevar a porcentaxe de galegos que usan internet de maneira habitual até o 75%. Pero os desafíos que impón a evolución tecnolóxica e a Unión Europea van máis aló. Sen abandonar a loita contra a primeira fenda dixital, a do acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), é preciso evitar a segunda fenda dixital, a das habilidades dixitais que facilitan o acceso ás novas profesións; e non perder o tren da innovación social, que permite resolver retos locais coa axuda da tecnoloxía.

Un plan con aliados

O Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) cun orzamento de sete millóns de euros, abarca todos estes obxectivos, ofrecendo un servizo integral de dixitalización para que calquera persoa, independentemente do seu nivel de coñecemento tecnolóxico, poida obter o máximo proveito da tecnoloxía a nivel persoal, profesional ou relacional.

Para conseguir un efecto multiplicador das súas actuacións o Plan susténtase en alianzas dixitais, de maneira que ás iniciativas e recursos da Administración pública se sumen capacidades, recursos e iniciativas doutros axentes públicos ou privados.

Calquera entidade, profesional ou persoa individual que queira colaborar poderá ser "aliado dixital". A súa achega pode ser, ben través da organización de actividades formativas, conferencias e seminarios; da cesión de contidos dixitais e espazos físicos; ou a través da posta en marcha de proxectos de inclusión dixital. En función do seu perfil e do tipo de iniciativa que desenvolvan poderán colaborar na categoría de "entidade colaboradora", "mecenas dixital", "referente dixital" ou "mentor dixital". Para formalizar a adhesión como "aliado dixital", tan só é necesario cumprimentar o procedemento telemático dispoñible desde o pasado sábado mesmo na sede electrónica da Xunta de Galicia, sede.xunta.es.

Alfabetización, capacitación e innovación

Unha vez formalizada a súa adhesión, os aliados poderán colaborar en calquera das actuacións previstas no Plan, que contempla tres eixos estratéxicos: a alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital e participativa.

A alfabetización dixital está orientada a facilitar ás persoas con coñecementos dixitais básicos formación que lles permita avanzar e incrementar a súa confianza no emprego da tecnoloxía. Esta liña contempla actividades formativas sobre os riscos e o uso responsable de internet; sesións demostradoras para achegar o uso de dispositivos móbiles aos maiores; ou xornadas interxeneracionais entre persoas maiores e novas.

A capacitación dixital busca incrementar as habilidades dixitais dos que xa empregan as TIC no seu día a día cun programa formativo avanzado. O obxectivo é evitar a segunda fenda dixital, é dicir, a que limita o acceso ás novas profesións dixitais que demanda o mercado ou dificulta a adaptación aos cambios que se están producindo nas profesións dixitais no contexto actual.

En canto ao terceiro eixo, o da innovación social dixital e participativa, promoveranse iniciativas de base tecnolóxica que melloren retos locais "mellorar o emprego, favorecer a integración social de determinados colectivos...", en colaboración cos axentes sociais de cada zona.

Portal web, catálogo de servizos e mapa de recursos

O Plan establece tamén, a posta en marcha de tres ferramentas transversais que permitirán dar soporte ao resto de actuacións do proxecto. Neste mes lanzarase un novo portal web Faite dixit@l, o espazo na rede que aglutinará todas as accións de comunicación sobre a inclusión dixital. Está prevista a elaboración dun mapa con toda a oferta de activos e recursos dixitais permitindo un maior aproveitamento dos medios grazas á súa posta en común. Ademais, porase a disposición da cidadanía un catálogo dos servizos dixitais que ofrece o Plan.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS