As actuacións en macha do Plan de Banda Larga da Xunta e do Estado garanten que máis de 330.000 galegos de 258 concellos, que carecen de acceso a redes ultrarrápidas, teñan cobertura de 100Mbps de velocidade no 2020. O operador Telefónica, adxudicatario da última liña de axudas do Plan autonómico e doutras subvencións estatais, cubrirá preto do 80% dos habitantes previstos con ámbalas medidas. Así o explicaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez.
Dos máis de 330.000 habitantes beneficiados por estas medidas un total de 74.400 viven en núcleos de menos de 300 habitantes e contarán con acceso á fibra óptica grazas a axuda de 14,2 millóns de euros que a Xunta concedeu a Telefónica no marco Plan de Banda Larga de Galicia 2020. Ademais, como adxudicatario doutras axudas estatais, Telefónica facilitará o acceso a redes ultrarrápidas a outros 184.000 galegos de núcleos de maior tamaño e os habitantes restantes cubriranse coas actuacións doutros operadores que accederon as subvencións do Estado.
Mais de 35 millóns de euros públicos
En total os plans autonómicos e estatais supoñen un investimento público de 35,2 millóns de euros para incentivar a extensión de fibra óptica en núcleos dun total de 258 concellos galegos que non dispoñen desta tecnoloxía nin previsión de contar con ela.
Ambas medias garanten que en 2020 o 74% dos galegos terán acceso a redes de máis de 30 Mbps, unha porcentaxe que se incrementará coas novas convocatorias do Estado. A última foi publicada en abril por un importe de 18,5 millóns de euros, e prevese que se resolva en outono.
Banda larga en polígonos
A extensión de fibra en núcleos de poboación é a terceira actuación do Plan de Banda Larga da Xunta 2020, que se suma á de polígonos e á de axudas á empresas illadas do rural.
Este ano completarse a conexión de 81 polígonos industriais de toda Galicia a redes de ata 350 Mbps, que sumados aos que xa contan con redes ultrarrápidas serán un total de 130 superficies empresariais, que representa o 93% da superficie empresarial ocupada.
Redes ultrarrápidas en empresas e centros educativos
Ademais, a finais de ano está previsto lanzar unha nova liña de axudas para facilitar a conexión a empresas de zonas illadas. Na convocatoria de 2017 beneficiáronse destas axudas máis de 30 empresas de zonas illadas das catro provincias, que puideron conectarse a internet de entre 50 e 350 Mbps con 400.000 euros tamén cofinanciados con FEADER.
No ámbito educativo, en colaboración co Estado, estase a desenvolverse a iniciativa “Escolas Conectadas” que está na recta final para dotar a máis de 800 centros educativos públicos con redes de máis de 100 Mbps. Unha vez finalizada esta actuación, nos próximos meses, o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria de toda Galicia terán acceso a redes ultrarrápidas.