main content

main content
23/04/201809:04
Alberto Núñez Feijóo e Pedro Duque xunto a rapaces no STEMlab Galicia.
Santiago de Compostela

Galicia entrará na rede de oficinas de educación da Axencia Espacial Europea para fomentar as vocacións científicas

  • Esta delegación abrirase nos vindeiros meses da man da Xunta e da Universidade de Vigo
  • Feijóo destaca que o obxectivo de calquera comunidade educativa é ofrecer aos alumnos a oportunidade de ser o que queiran ser
  • O titular do Goberno galego destaca tamén a oportunidade que supón Stemlab, a primeira feira que se celebra en Galicia destas características e na que participarán preto de 3.000 alumnos
  • Sinala o obxectivo de que ao final de 2020 todos os alumnos de Galicia poidan formarse nas materias STEM
  • O presidente da Xunta salienta que para conseguir que os alumnos fagan realidade a súa vocación “necesitamos a profesores comprometidos, sen profesores non hai educación”

 

Galicia entrará na rede de oficinas de educación da Axencia Espacial Europea (ESA) cunha delegación para o noroeste de España, que se abrirá nos vindeiros meses da man da Xunta e da Universidade de Vigo, e co obxectivo de fomentar as vocacións científicas.

Con esta iniciativa a Comunidade sumará os recursos da ESA á vocación e a entrega do profesorado e ao potencial do alumnado. Non en van esta delegación significará mellor formación para os profesores; unha porta aberta para que os rapaces participen nos programas e concursos da axencia e a tradución dos seus materiais educativos ao galego.

O presidente da Xunta participou na inauguración da xornada educativa Stemlab Galicia, onde destacou a oportunidade que supón este evento, a primeira feira que se celebra en Galicia destas características e na que participarán preto de 3.000 alumnos e 18 centros, para facer máis visibles os proxectos de ciencia e tecnoloxía, a creatividade e a capacidade de innovar da comunidade escolar galega. Feijóo destacou que o obxectivo de calquera comunidade educativa é ofrecer aos alumnos a oportunidade de ser o que queiran ser “niso consiste a educación, en poder realizar o soño que temos”.

Ademais, agradeceu a presenza no evento do astronauta Pedro Duque, que estivo no transbordador Discovery e na Estación Espacial Internacional, que está hoxe “cos nenos e as nenas galegos que se están formando e que serán, sen dúbida, os líderes da Galicia de dentro de moi pouco tempo”.

Ao respecto, Feijóo recordou que durante o curso pasado, máis de 5.000 profesores se formaron en tecnoloxía e máis de 2.200 en robótica (programación en Arduino e Raspberry e impresión 3D). Máis de 5.000 rapaces tamén se forman na actualidade en robótica, programación ou identidade dixital; e 22.000 alumnos dispoñen xa dun kit de robótica, de impresión 3D e de computación maker. Feijóo destacou que “o noso compromiso é que de aquí ata o 2020 vamos a seguir avanzando no ámbito da robótica, no ámbito da programación, da identidade dixital e da impresión 3D” e dixo que “de aquí ao ano 2020 temos unha estratexia: que en Galicia todos os alumnos, todas as alumnas se poidan formar en robótica e en programación”.

Nesta liña, a Xunta está a sumar esforzos para multiplicar oportunidades, con máis plurilingüismo, con máis apoio ás necesidades educativas especiais e con máis tecnoloxía ao alcance do alumnado, a través de novos contidos para o libro dixital, ordenadores portátiles e mellor conexión á internet.

Nos vindeiros meses a Xunta seguirá comprometida co impulso das vocacións científico-tecnolóxicas na educación pública galega, con iniciativas como a organización da Semana STEM, que se desenvolverá totalmente en inglés; a creación dunha rede de centros con especial interese nestas materias; e o desenvolvemento dos Espazos Maker, onde os estudantes poidan desenvolver a súas capacidades innovadoras.

Ademais, a creación do Bacharelato de Excelencia en ciencias e tecnoloxía incorporará unha materia extracurricular desta área e rematará coa presentación dun traballo de investigación.

O presidente da Xunta concluíu poñendo en valor o traballo e o compromiso de todo o persoal educativo galego que acompañan, día a día, aos alumnos para que fagan realidade a súa vocación. “Para conseguilo necesitamos a profesores comprometidos, sen profesores non hai educación”, aseverou.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS