main content

main content
12/01/201808:01
Banda larga.
Santiago de Compostela

A Xunta lanza unha nova liña do Plan de Banda Larga para despregar redes de 100 megas en núcleos rurais de menos de 150 habitantes

  • Facilitará o acceso a internet de alta velocidade en zonas que carecen desta cobertura e de previsión de dispoñer dela
  • O Goberno galego aprobou hoxe unha liña de axudas a operadores por importe de 14,2 millóns de euros ata 2020
  • Esta actuación complementa ás convocatorias que ten en marcha o Estado cun orzamento adxudicado de 21 millóns de euros
  • Con estas actuacións no 2020 un 74% dos galegos disporán de acceso a redes ultrarrápidas, unha porcentaxe que se ampliará coas novas convocatorias previstas polo Estado

 

A Xunta lanza unha nova actuación do seu Plan de Banda Larga 2020 para facilitar o acceso a internet, cun mínimo de 100 Mbps de velocidade, en núcleos de menos de 150 habitantes. Con este obxectivo o Consello do Goberno galego aprobou hoxe unha liña de axudas a operadores de telecomunicacións cun importe de 14,2 millóns de euros para despregar redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.

Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. Poderán presentar varios proxectos cunha subvención mínima de 20.000€ para cada un deles ata esgotar a dotación orzamentaria prevista.

A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

 

Complementariedade entre administracións

Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA). 

Actualmente, o Goberno do Estado ten adxudicados 21 millóns de euros do PEBA, que permitirán dotar de cobertura de 100 megas a preto de 260.000 galegos nos vindeiros dous anos. Grazas á complementariedade e coordinación entre ambas Administracións en 2020, un 74% dos galegos terá acceso a redes ultrarrápidas. Esta porcentaxe de cobertura poderá ampliarse coas próximas convocatorias previstas polo Estado no marco Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración.

 

Prazos e características da convocatoria

A nova convocatoria do Plan de Banda Larga 2020 publicarase proximamente no DOG e os operadores de telecomunicación poderán presentar as súas solicitudes no prazo máximo dun mes dende o día seguinte á publicación.

A convocatoria inclúe un anexo con 26.466 entidades de poboación consideradas “zonas brancas” de redes de nova xeración, é dicir que carecen de cobertura de redes dun mínimo de 100 Mbps así como de previsión de dispoñer delas.

As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

 

Plan de Banda Larga de Galicia 2020

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

Para a consecución das metas fixadas no Plan xa se puxeron en marcha un conxunto de medidas que se levarán a cabo ata 2020:

  • A Extensión de redes de 100Mbps ao 60% da poboación de Galicia. Coas actuacións en marcha tanto da Xunta como do Estado a previsión é acadar un mínimo do 74% da poboación con esta cobertura en 2020. Esta cobertura incrementarase con novas convocatorias do Estado nos próximos anos.
  • O 55% dos polígonos con cobertura de redes de nova xeración. Actualmente grazas ao Plan 100 polígonos galegos contan con velocidades de 100 Mbps e ao remate de 2018 serán 130, o 77% do total
  • Ademais o plan prevé a extensión de redes de 30Mbps ata o 96% da poboación e a porcentaxe restante con subvencións para a contratación de banda larga vía satélite naquelas zonas máis illadas.

 

Acceso a servizos dixitais avanzados

O despregamento e adopción de redes de banda larga ultrarrápidas no territorio galego permitirán acelerar o desenvolvemento de servizos dixitais avanzados e brindar novas oportunidades de negocio.

As tendencias das tecnoloxías de nova xeración tales como a computación na nube, a impresión 3D, a administración electrónica, as cidades intelixentes, a telepresenza, o Fogar Dixital, etc, esixen cada vez un maior largo de banda, por este motivo, dende a Xunta de Galicia estase a traballar neste tipo de medidas de axudas para favorecer o despregamento de redes de telecomunicacións máis rápidas que abran camiño cara uns servizos innovadores.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS