A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, participou no Espazo Xove de Curtis nun encontro sectorial con mozos e mozas e distintos actores do territorio no marco do proxecto ‘Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo’ (acrónimo Lidera), aprobado ao abeiro do programa europeo Interreg V A España Portugal 2014-2020 (Poctep).
O programa de actividades do encontro divídese en tres bloques: o relatorio ‘Os logros do marketing máis alá das ventas. Marketing social: o compromiso co entorno’ da man das persoas responsables de marketing das entidades Cafento e Down Compostela; unha mesa de experiencias no sector do turismo que leva por título ‘Aproveitamento do recurso Camiño de Santiago’ e na que participan un representante do albergue de Muxía, representantes da Asociación Muxía Turismo Rural, e Antón Pombo, autor da guía Anaya dos albergues do Camiño de Santiago; e finalmente un taller de comunicación sobre comercialización no sector turístico a cargo da empresa de comunicación ‘A Catro Mans’.
A titular do departamento autonómico sinalou que “este tipo de iniciativas impulsan a relación e integración da xuventude na realidade económica do territorio, reforzando o coñecemento do marco local da vida dos mozos e mozas; reforzan o achegamento da mocidade á realidade do tecido empresarial galego; promoven o coñecemento e valorización dos recursos e potencialidades que ofrece o territorio; e ofrecen unha ferramenta para que os mozos e mozas adquiran coñecementos que axuden ao seu desenvolvemento persoal e profesional”.
No marco do proxecto Lidera ao longo dos meses de novembro e decembro estanse a desenvolver encontros sectoriais nos doce Espazos Xove dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Así mañá o Espazo Xove de Carballo acollererá o encontro ‘Xestión, Emprego, Ruralidade e Xuventude. O minifundio en positivo’, e o vindeiro luns o Espazo Xove de Viveiro será o escenario da sesión ‘Emprendemento activo: a importancia das emocións’.
Cecilia Vázquez manifestou que “o obxectivo destes encontros sectoriais é establecer unha dinámica de diálogo e coñecemento mutuo entre a xuventude e os axentes económicos do territorio, unha ferramenta para impulsar a aparición de oportunidades de colaboración e mentoring”.
Esta iniciativa formativa, dentro do proxecto Lidera, forma parte da actividade “Crece” que ten como obxectivo provocar un coñecemento, proceso e contexto de traballo en rede, no que se involucren os distintos actores e reactivos do territorio a través da xeración de espazos de desenvolvemento local no ámbito de influencia do proxecto.
A titular de Xuventude rematou a súa intervención lembrando que no marco do proxecto Lidera o vindeiro sábado 16 de decembro descorrerá na cidade de Ferrol o Encontro Mostra transfronteriza da xuventude emprendedora (Emotraxe), un espazo de encontro e de aprendizaxe para que a xuventude poda compartir experiencias e emocións á vez que amosar publicamente as súas vivencias de participación, compromiso social e de emprendemento.
O programa de actividades de Emotraxe contará con dous relatorios e tres mesas redondas. Os relatorios, baixo os títulos ‘Onde está o límite’ e Emocións a través da mirada’ correrán a cargo de Josef Ajram e Sissí, respectivamente; e as mesas redondas descorrerán ao longo da xornada baixo os títulos ‘Mocidade en movemento, o valor de tomar a iniciativa’, ‘Competencias clave para superar o reto da inserción laboral e emprendemento’ e ‘Implicados ao 100%: iniciativas xuvenís con impacto social’. Así mesmo, o encontro contará cun espazo expositivo para que as entidades galegas e portuguesas podan mostrar os seus proxectos e actividades.
O proxecto Lidera foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (Poctep) e ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros e unha duración de catro anos (2016-2019).
Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; a Fundación Galicia Europa; a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela; a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega): o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ); a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.