A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) colaborarán por quinto ano consecutivo para facilitar que a capacitación dixital pública e gratuíta chegue a todos os galegos a través das actividades da Rede de aulas CeMIT.
Así se recolle nun convenio, aprobado hoxe polo Consello do Goberno galego, e que asinarán proximamente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Vicepresidencia e Consellería de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Fegamp.
Con este acordo garántese e continuidade e mellora dun servizo fundamental para reducir non só a primeira fenda dixital, a do acceso ás TIC, senón tamén a segunda fenda dixital, a das habilidades dixitais, facilitar unha aprendizaxe permanente neste eido e contribuír á mellora da empregabilidade.
Investimento
Segundo o acordo, en 2018 a Amtega achegará ás administracións locais a través da Fegamp un total de 797.277 euros para a realizar actividades en materia de inclusión dixital nas consideradas aulas de referencia da rede. Pola súa banda, a Fegamp continuará prestando un papel fundamental como canle de comunicación coas entidades locais e será a encargada de transferirlles as correspondentes subvencións.
Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas así como da poboación do concello. A partir do mes de decembro identificaranse as aulas de referencia que continuarán mantendo esta condición e, no caso de que proceda, informarase ás aulas que causen baixa por non dispor dos niveis de actividade mínimos, permitindo que outros centros opten a ser recoñecidos como aulas de referencia e dispor da subvención correspondente.
Ao importe do convenio súmase o investimento que a Amtega realizará no soporte e mantemento das infraestruturas dos centros e na mellora das ferramentas de xestión e formación que ascende a máis de 800.000 euros. En total, o vindeiro ano 2018 a Amtega destinará máis de 1,7 millóns de euros para impulsar a realización de actividades de inclusión dixital na Rede CeMIT.
Obxectivos 2018
O obxectivo final da Rede CeMIT é incrementar os coñecementos dixitais de todos os galegos e galegas, con independencia da súa idade, lugar de residencia ou situación económica para a mellora a súa autonomía persoal, o envellecemento activo e a empregabilidade, entre outros. Concretamente, en 2018 está previsto que a rede imparta máis de 35.000 horas formativas no eido dixital e acade os 80.000 usuarios e usuarias.
Ademais da realización de actividades para dinamizar o uso das TIC, durante o 2018 farase fincapé no uso dos servizos dixitais e potenciarase a colaboración cos aliados dixitais do Plan de inclusión dixital de Galicia 2020, que suma xa máis de 770 colaboradores. O papel dos aliados permite dispor dunha maior capilaridade en todo o territorio galego e unha maior variedade de actuacións e temáticas respecto ao catálogo de formación dixital da Rede.
Tamén se fomentará a certificación de competencias dixitais para facilitar unha mellora da competitividade e do acceso ao mercado laboral da cidadanía e se potenciará a adquisición das competencias e habilidades dixitais necesarias para abordar con confianza o uso das TIC.
267.000 horas de formación e 70.800 usuarios en 6 anos
Desde o comezo en 2011 da actividade das aulas da Rede CeMIT impartíronse 267.000 horas de formación dixital gratuíta, principalmente en alfabetización e capacitación dixital, e acadáronse máis de 70.800 usuarios rexistrados na rede.
Desde 2014, a Rede CeMIT está habilitada para acreditar á cidadanía a certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX), onde se encamiñaron máis de 2.950 persoas e obtiveron a certificación máis de 2.100 persoas.
A rede conta cun total de 98 aulas en 92 concellos (das cales 64 son consideradas aulas de referencia por dispor dun alto nivel de actividade en inclusión dixital), e a Xunta busca garantir a capilaridade e universalidade destes servizos promovendo a participación dos axentes sociais, empresariais e entidades públicas para incrementar as actuacións en materia de inclusión dixital en todo o territorio galego.